Na Raia Seca os montes escarpados marcan a fronteira con Portugal. Do lado de Galicia, cunha orografía máis suave, as terras de cultivo dispóñense como se estivesen pintadas por Maside. Entre elas aparecen todas as culturas construídas: o megálitos de Maus de Salas e Queguas, castros como o de Os Castelos, recuperado hai a penas un ano en Galez, o campamento de Aquis Querquennis, a mansión de Aquis Originis e os miliarios da Vía Nova pola que transitaron as lexións de Roma, a igrexa prerrománica de Santa Comba de Bande, as pontes e templos medievais. O barroco eclesiástico impoñente en Lobios e Entrimo, localizado en encraves humildes pero cunha clara vontade presencial, para que fose admirado pola altura das súas espadanas e bóvedas, é unha lección do uso da topografía. Asistimos, no fondo, ao debate secular entre a pertenza ao realengo e á Igrexa.
No século XIX, as grandes casas, case racionalistas na súa serena composición, con cubertas estendidas, están decoradas minimamente con varandas de forxa chea de oficio, que popularizaron en Ourense os Malingre. E de repente, a partir da segunda metade do XX, esoutras grandes mansións, de granito gris ou rosado, con cubertas de lousa amansardadas, ás que os emigrados retornan uns meses no verán. Ao seu lado as casas rurais rehabilitadas dan acubillo aos que decidimos camiñar. A historia do noso país está reflectida nas construcións. Da lareira á cociña alicatada, do patín ou a solaina ás balconadas con balaústres requintados. Todo o que está expresa algo, por iso debemos evitar esa mirada do urbanita, ás veces un tanto despectiva.
Nos encontros polas pistas interminables atopamos unha señora cun ramiño de muguete na man. Era o primeiro de maio, e preguntámoslle como chegara alí aquela flor que celebra esa data en Francia. Estivera en París corenta anos; de alí trouxo a planta, conseguiu aclimatala «nun monte bo que tiña» e agora repártea en tal data coma esta entre os veciños, compañeiros tamén na emigración parisina. Unha nova tradición local.
Na subida pola serra, buscamos os fitos arqueolóxicos a través dos lugares pendurados nun mar de vexetación autóctona con algunhas plantacións de eucaliptos rompendo as cristas. Lugares perdidos no cabo das pistas montesías onde, pouco a pouco, a ruína das casas é unha paisaxe máis inmediata, con máis cans ca veciños. Un pequeno cemiterio cunha capela humilde, rodeada de nichos de ladrillo e cemento combinados con sepulcros de granito pulido e recordatorios dos fillos e os netos: «À ma mère», «À notre grand-père». Este ir e vir entre Galicia e Europa, cheo de gozos e sombras, está a transformar tamén o país nunha cultura máis sincrética. O balance dos tempos é positivo; fixo desaparecer a pobreza extrema.
En última instancia, ¿de que vai a tradición? ¿De transmitir o espírito ou a cinza? ¿De loar o pasado ou do dereito irrenunciable a construírmos un novo patrimonio?