Un individuo pouco fiable

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

06 jul 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Os defensores e detractores da política de Tsipras seguen e seguirán sumando argumentos para xustificar as súas ideas sobre o problema grego. Entre os defensores, o de maior peso a nivel mundial é o premio Nobel de Economía Joseph Stiglitz, que considera que os socios europeos queren obrigar a Grecia a aceptar o inaceptable e que Tsipras convocou o referendo de onte para ofrecer democraticamente aos gregos a posibilidade de opinar sobre un tema crucial. Entre os detractores hai tamén grandes economistas, sociólogos e politólogos que opinan que Tsipras é un visionario ou un manipulador que levou a Grecia á bancarrota. Para a xente corrente, como son eu, só parecen claros algúns feitos no medio desta tremenda lea: que Tsipras gañou unhas eleccións prometendo algo que non estaba na súa man realizar. Que como negociador se caracterizou por insultar e desafiar aos seus acredores. E que a finalidade do referendo celebrado onte non era coñecer a opinión do pobo, senón pedirlle que votase o que Tsipras quería, ese non que finalmente gañou e que, segundo el, lle permitirá conseguir un acordo con Europa máis beneficioso para Grecia. Ou sexa, de novo, unha promesa que non está na súa man cumprir. Parece claro que Tsipras non é o tipo de persoa á que un lle compraría un coche usado, dito sexa con permiso de Stiglitz. Pero xa saben vostedes: «No hay sabio que no la yerre, ni burro que no la acierte».