A detención de Carrillo

Siro
Siro IMAXES DA TRANSICIÓN

OPINIÓN

18 jul 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Siro López

A tarde do 22 de Nadal de 1976, Santiago Carrillo foi detido nunha céntrica rúa madrileña con outros dirixentes comunistas cando volvían dunha reunión do Comité Central. Porén, o que veu despois fai pensar que o éxito policial se debeu a un chivatazo do propio PCE. Carrillo quería botar un pulso ao Goberno.

Ás once da noite, miles de persoas manifestábanse en silencio ante a Dirección Xeral de Seguridade, mentres nas rúas adxacentes se cantaba a Internacional. En poucas horas, Madrid apareceu chea de pintadas esixindo a liberación de Carrillo, e ao día seguinte presentábase no Ministerio de Xustiza un documento asinado por seis mil escritores, artistas e profesionais, con nomes moi coñecidos, coa mesma petición.

Tamén a ultradereita se mobilizou para esixir o máximo rigor do Código Penal contra o responsable dos crimes de Paracuellos, pero, fose cal fose a responsabilidade de Carrillo naquela masacre, o delito prescribira en 1969, cando Franco dispuxo a sucesión de don Juan Carlos.

No Goberno falouse de envialo de volta a Francia, pero Osorio e Lavilla opuxéronse. Un xuíz do TOP deixouno en liberdade provisional con fianza, e o día 30 de decembro Carrillo saíu de Carabanchel. Xogara forte e gañara.