Sen mozos da rebotica

OPINIÓN

19 oct 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Nunha democracia antiga como a inglesa acuñouse a expresión «the back room boys» (os mozos da rebotica) para indicar aos que na sombra fan traballos que outros aproveitan, dende discursos a índices de cuestións que un político, nunha determinada situación, debe calar ou tratar de esguello ou referirse a elas con ironía.

Pero nunha democracia recente como a española, lonxe desa cautelosa sabedoría, os políticos acostuman botar a lingua de paseo, póñense tesos e procuran poñer tamén teso ao contrario, botan man do dogmatismo máis pechado e non teñen dúbidas en recorrer ao insulto e aínda ao despropósito, arriscando moitas veces a liña política do seu partido ou do mesmo Goberno ou da credibilidade xeral. O noso é asoballar.

Un ten que pensar que non contan con mozos da rebotica aqueles que se alporizan porque Bruxelas suxire que non imos cumprir co déficit e menten unha e outra vez dicindo que se cumprirá como sempre, cando todo o mundo sabe que a verdade é a contraria, pois nunca se cumpriu. Pero non importa: mintamos e asoballemos que é o noso.

Parece que tampouco certo ministro debe de contar con mozos da rebotica que lle suxiran que non é estético soster que as inversións de Volkswagen en España están aseguradas cando a gravidade da situación da empresa alemá está dicindo a berros todo o contrario, e aínda tamén os seus mesmos dirixentes.

¿E non terá certa bailarina do Goberno un mozo da rebotica que lle suxira que imitar o baile doutros xa non ten graza, que se queda niso, nun arremedo e, por tanto, sen ningunha orixinalidade? Por algo a democracia inglesa inventou the back room boys, unha pequena pero moi útil sabedoría política que non vai coa arrogancia oca e asoballante dos nosos políticos.