Adiantos ou servidumes

OPINIÓN

20 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O uso de trebellos como o móbil, de verdadeira utilidade e transcendencia práctica, poden volverse auténticas servidumes para o ser humano. E aínda máis: poden ser un elemento engadido, entre outros moitos, que contribúan de maneira moi eficaz ao alleamento espiritual dos usuarios, en certas situacións. 

De pronto, todo o mundo ten urxencia en comunicarse, importa pouco o lugar ou a situación, e un pensa que terá pasado aquí para que tantas cousas haxa que dicir, sen que tampouco atine a comprender moi ben as razóns dun antes e un despois. Senten algúns tales urxencias locutivas que nada lles importa que estean nun lugar público, nun autobús, no tren ou onde cadre, e case sempre en ton agresivo para que todos nos decatemos, e nos amolemos, escoitando vulgaridades.

Porque esa é outra: é case imposible nesas circunstancias escoitar unha conversa normal, un cambio de pareceres, algo que responda a unha necesidade. Trátase de falar por falar, quizais para que todos vexan que o locutor tamén é posuidor dese trebello, non faltaría máis. É como se o aparello tivese creado a necesidade do seu uso e xa tamén do seu abuso.

Xa é imaxe cotiá que un peón atravese a rúa fedellando no seu móbil sen mirar nin á esquerda nin á dereita, que os máis mozos se pasen horas debruzados sobre ese e outros trebellos, un tempo que rouban ao estudo ou aos deportes propios da idade... Xa veremos se esas posturas levarán a eivas ao mellor sen remedio.

¿Será un andazo tan só, ou non tardaremos en ver que o aburrimento se apodera dos entusiastas de hoxe? Pero non é boa cousa que un trebello, por útil que sexa, se converta nun vizo que, como todos eles, se apoderan de nós e nos vencen. E que por iso mesmo poden facer de nós verdadeiros monicreques.