A Xunta e os enfermos de hepatite C

OPINIÓN

13 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai uns días, compareceron nos xulgados composteláns de Fontiñas dous altos cargos da Consellería de Sanidade para declarar nun proceso que se segue polo falecemento de oito enfermos de hepatite C durante os anos 2014 e 2015.

Non coñezo aos directivos, Félix Rubial, exdirector xeral, e Carolina González, subdirectora xeral, un médico e unha farmacéutica; pero sinto por eles certa empatía, por dúas razóns; primeiro por compañeirismo (non corporativismo, que é unha perversión do anterior); sei que as persoas que traballan no ámbito sanitario, ben na atención directa aos enfermos, ou desde outros postos, esfórzanse día a día en mellorar a situación dos enfermos; pero en segundo lugar porque non sei se o problema que se está xulgando -a non subministración dun carísimo fármaco contra a hepatite C, o Sovaldi-, non superaría as capacidades dun director xeral, e moito máis as dunha subdirectora.

Podían eles cun plumazo decidir o gasto de deceas de millóns de euros? Ou foron simplemente os executores de medidas tomadas polos seus superiores? Lembremos que a solución, o Plan Estratéxico contra a Hepatite C de abril do 2015, tivo que facerse ao máis alto nivel, do Ministerio de Sanidade, e do de Facenda, que deron barra libre ás comunidades autónomas para gastar nos tratamentos todo o necesario sen incorrer en déficit.

E os enfermos?

Pero tamén comprendo a anguria que sentían nesa época os enfermos de hepatite C. Tiñamos de ministra de Sanidade a unha destacada membro da beautiful people madrileña, sempre de bronceada tez pero desastrosa memoria, que lle impedía lembrar a orixe dos vehículos de alta gama que se gardaban no seu garaxe; unha ministra e un Goberno que mareaban a perdiz sobre como atender as protestas dos enfermos que reclamaban o fármaco, que custaba daquela uns 40.000 euros por tratamento.

Lembro unha mesa redonda organizada en febreiro do 2015 en Santiago por Farmamundi; a nosa oenegué censura os abusos das patentes, que encarecen de forma inaccesible os prezos de medicamentos vitais. Na mesa, á que non logramos que asistise ningún representante da Consellería de Sanidade, o voceiro da asociación de afectados, Enrique Costas, declarou: «Teño hepatite C, unha enfermidade mortal». Silencio total na sala. A anguria era tremenda: anos e anos sufrindo en silencio, resignados ante a falla de tratamentos, sen saber se na seguinte revisión médica aparecerían signos de cirrose hepática ou células cancerosas... cando aparecen uns fármacos revolucionarios que os gobernos manteñen lonxe dos enfermos polo seu altísimo custo... mentres o tic-tac seguía correndo.

Non coñezo aos oito falecidos, pero solidarízome coas súas familias, que viron como as vidas dos seus seres queridos quedaban truncadas pola avaricia dunha empresa e quizais pola falla de atención duns gobernos, sempre comprensivos cos poderosos pero severos cos débiles.

A miña simpatía vai para esas familias.