¿Incendiarios?

OPINIÓN

15 jun 2017 . Actualizado a las 13:43 h.

Leo nas páxinas de La Voz o perfil do incendiario publicado pola Fiscalía Superior de Galicia e entro en pánico: un varón solitario entre 30 e 70 anos, sen antecedentes, residente no rural, a pé. Ou sexa, neste país onde herdar un cacho de monte é pouco menos ca un castigo de Deus, calquera pode ser incendiario. Así que, este perfil no que o tramo de idade é unha franxa de corenta anos, pode converternos a todos nunha Stasi dos incendios forestais. Por unha vez, polo menos, as mulleres quedamos máis ou menos libres de sospeita. Malia isto, as conclusións deste informe apuntan aos motivos que quen máis quen menos imaxinaba probables para prenderlle lume ao monte. Como noutras cousas, moitos galegos vanglórianse dun parvo tradicionalismo que os fai desconfiar de prácticas seguras para as actividades agrícolas (a queima de restrollos, malia estar prohibida, supuxo o 23% dos incendios), ao tempo que os avisos de non botar cabichas ou non acender grellas parecen ter pouco efecto (o 25,4% foron imprudencias dese tipo). E, sobre todo, unha causa que parecía impronunciable pero que planeaba coma unha sombra: o 17,9% teñen un obxectivo económico vinculado non só aos cambios do uso do chan (obviedade para calquera que posúa unha tenza de monte), senón aos propios salarios da extinción. Unha vergoña. Agora, mentres vixío aos meus veciños sen coche entre os 30 e os 70 anos, penso no estraño resorte que leva aos incendiarios a actuar todos de vez como pasou no 2006... ¿Por que agora que se sabe menos dos incendios e que a Xunta non pregoa aos catro ventos a súa política arredor do chan forestal hai menos lumes?