
Teño escrito en La Voz de Galicia sobre este asunto, intentando darlle un sentido a un substantivo que fixo fortuna mediática e política e que parece explicitar o que está a pasar en Galicia en relación co maltrato ou o descoido do territorio nos últimos cincuenta anos. Un fenómeno que, segundo común opinión, non está tan presente en Asturias, Cantabria, o País Vasco ou o norte de Portugal. En cada ocasión preguntábame o porqué da situación, e non tanto pola súa expresión estética. Pensaba, e penso, que o problema ten razóns case antropolóxicas vinculadas á tenza e mais á transmisión da terra, a un réxime foral xeneralizado, menos claro contractualmente ca o arrendamento, que promoveu nalgunha medida a emigración secular para obter cartos en efectivo cos que redimir o foro.
O campesiño que construíu desde o anonimato paisaxes hoxe consideradas de culto, que resistiu resignado o talón do propietario co desexo histórico de posuír a terra, que creou edificacións que poderiamos denominar arquitectura bioclimática, prodigou ao mesmo tempo unha tradición cultural para superar o illamento dun medio economicamente empobrecido. Faz e envés dunha mesma realidade, a forma pacífica de convivir co país, beleza e miseria que Rosalía poetizou sen circunloquios.
Por outro lado, a burguesía media urbana que desde o medievo buscaba o seu lugar na sociedade ante unha fidalguía minguante chegou a acadar certo esplendor, expresado en edificios e espazos de relación, pero rematou por desistir de tal pretensión ante o fenómeno da concentración urbana que, nas décadas dos 60 e 70 do século pasado, creaba ensanches especulativos, promovidos en boa medida cos capitais acumulados da emigración, que abocaron todas as cidades sen excepción a unha densificación irreversible en detrimento dos valores patrimoniais. A democracia e a autonomía contribuíron a mellorar claramente as condicións xerais de vida, ma non tanto a paisaxe.
Na busca do fondo da cuestión é necesario transcender as formas, a estética, a casa inacabada, sen rebocar, as cores, os peches. Non pode converterse a palabra feísmo nun lema de urbanitas cultivados, para meterlle o dedo no ollo a un mundo rural que segue resistindo a pesar das mutacións e do que case todos procedemos. Pero tampouco pode ser un proceso de inculpación e autoodio fronte a unha desmesurada loanza, case veneración do noso que nos incapacite para ver a realidade.
A edificación da foto leva anos así. Mesmo se podería aducir que esa estrutura aérea non é fea de seu. Seguramente detrás dela hai razóns, preguntas que cómpre responder. Unha nova cultura do territorio non vai só de cartas, catálogos, directrices, leis, regulamentos, plans, encomiables e necesarios, si, pero que poucos fan seus e que se suceden a toda velocidade sen tempo para abordalos. As boas paisaxes son as que resisten o enfoque da mirada desde a distancia á proximidade do eirado, do individual ao colectivo. A cultura da paisaxe sería a súa expresión material e inmaterial.