Vehículos do ano 2040

Xavier Alcalá
Xavier Alcalá A VOO DE TECLA

OPINIÓN

31 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Meses atrás sorprendía o mundo a formación do goberno da República Francesa. Entre os ministerios creados polo presidente Emmanuel Macron -un liberal para as esquerdas- salientaba o de Transición Ecolóxica e Solidaria, rexido por Nicolas Hulot, ecoloxista posibilista nado en 1955. Este ano ten importancia en relación a outro: o 2040. Daquela, se monsieur Hulot aínda andar pola boliña azul, fará 85 anos. E poderá ser un ancián feliz, se se cumpriren os seus compromisos. 

O pasado 6 de xullo, Hulot presentaba o seu Plan do Clima. Nel inclúese a desaparición dos vehículos terrestres enerxizados por gasolina ou gasóleo; e contémplase unha prima de transición que incite os propietarios de vehículos con motor térmico a mudalos por outros máis respectuosos co medio ambiente. Ese respecto leva a pensar na motorización híbrida ou exclusivamente eléctrica. O plan non entra en que a fonte de enerxía do vehículo sexa gas natural, hidróxeno ou electricidade acumulada.

Vendo o que o goberno decidiu, o comité de fabricantes de automóbiles franceses xa cavila en como recompor a industria de xeito que se consigan economías de escala, ou sexa: produción en masa de compoñentes dos vehículos que permita baixar os prezos.

O voceiro do Comité mesmo fala de plataformas comúns de acumuladores de enerxía, conversores dela e motores que sirvan para todas as marcas francesas.

Fronte a iso rechama a pasividade dos gobernos de España e -notoriamente- de Galicia: en varias comunidades, con Galicia á fronte, fabrícanse compoñentes e ensámblanse vehículos desenvolvidos en Francia; e a aposta francesa do 2040 non é so ambientalista senón dirixida a unha nova economía pola que teima a Unión Europea.

Cando o Consello Galego de Enxeñerías se empeña en dar cincuenta ideas vectoriais á Administración para un pacto pola industrialización, cómpre -na procura de sinerxias- ter en conta que, so vinte días despois que Francia, a Gran Bretaña fixaba o mesmo obxectivo para o 2040.

Aínda máis, que a India o fixou no 2030. E que a Noruega -onde sobra enerxía limpa, como en Galicia- teno fixado para o 2025.