Unha auditoría da débeda pública

Manuel Lago
Manuel Lago TRIBUNA

OPINIÓN

01 ago 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A elevada débeda das Administracións Públicas é un dos problemas máis graves aos que nos enfrontamos. Tamén en Galicia. Cando Feijoo ocupou no 2009 a presidencia da Xunta debiamos 3.954 millóns de euros; agora, 10.954 millóns: en oito anos a débeda incrementouse en 7.000 millóns. Deberiamos saber por que, cal é a razón desta dinámica explosiva de endebedamento. A Xunta tería que darnos unha explicación de porqué en dúas lexislaturas endebedou o país o dobre que nas sete anteriores. 

A recesión económica e sobre todo a xestión neoliberal da crise son as razóns de fondo, porque se deu un proceso de transformación da débeda privada en débeda pública. Pero hai que ir máis alá, hai que identificar os factores concretos desta espiral descontrolada de endebedamento.

O primeiro que hai que saber é que a Xunta non nos endebedou para financiar inversións, porque estas baixaron de 2.800 millóns no 2009 a tan só 1.400 millóns no 2016. A débeda foi para financiar gasto corrente, porque a caída dos ingresos foi de tal envergadura que, a pesares dos graves recortes aplicados ao gasto público, o Goberno galego necesitou pedir prestados 1.000 millóns de euros cada ano para pagar nóminas e facturas.

O recurso á débeda está provocado pola insuficiencia dos ingresos, que caeron en parte pola recesión, pero tamén por decisións de política fiscal. Por exemplo, as bonificacións e beneficios fiscais que a Xunta aproba nos orzamentos de cada exercicio, que reducen a recadación en centos de millóns de euros: dende o ano 2010 deixamos de ingresar 2.500 millóns por este motivo. Como esta redución fiscal non se cubre con outros ingresos alternativos, transfórmase directamente en débeda. Para que se entenda ben, unha cuarta parte dos 10.954 millóns que debe a Xunta ten como orixe esta política de regalos fiscais.

A razón é evidente: se o gasto público non se financia con impostos, acábase financiando con débeda. E isto é o que esta sucedendo aquí e no conxunto do Estado, porque a pesares do elevado déficit público aplícase a receita neoliberal de desfiscalizar as rendas de capital e aos grandes patrimonios. Por exemplo, a reforma do IRPF, que provocou unha caída da recadación de miles de millóns de euros.

Rebaixas fiscais que benefician fundamentalmente a unha minoría privilexiada pero que provocan unha caída dos ingresos que afecta a todas as políticas públicas, incluídos os recursos que o modelo de financiamento pon a disposición das comunidades autónomas. No caso de Galicia, os fondos que recibimos caeron en máis de 1.200 millóns de euros de media cada un dos últimos oito anos.

Por iso é imprescindible unha auditoría da débeda pública: temos dereito a saber cal e razón da espiral de endebedamento dos últimos oito anos, quen ten a responsabilidade da mesma. Unha auditoría pública que determine que parte da débeda e consecuencia das eivas do modelo de financiamento, da contrarreforma fiscal do Goberno central ou das bonificacións fiscais das que tanto presume a Xunta. Porque esa parte da débeda non debería ser soportada pola cidadanía galega.