Amigos liberados

Luís G. Tosar
Luís G. Tosar ENTRE LIÑAS

OPINIÓN

04 ago 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

1 de outubro de 1945, na súa Casa Grande de Cimadevila, Trasalba, Amoeiro, Ramón Otero Pedrayo principia O Libro dos amigos. Na breve nota introdutoria marca o 2 de novembro, día de defuntos, para rematar o que considera, «máis ca empresa literaria, anceio do curazón». Prazo que non cumpre. Porque, nin dende agosto de 1937, cando as autoridades fascistas lle comunican a separación do ensino, xunto con outros profesores represaliados, como Rodríguez Bouzo, no Instituto de Ourense, nin dende a sublevación militar, un ano antes, pode dicirse que Otero se reclúe a escribir, en castelán. Permanece atento, estremecendo coa dor e tomando nota da barbarie: fusilados, paseados, fuxidos, exiliados… E finaliza O Libro…, nunca mellor dito, en 1952, logo de «franquear as cancelas da lembranza e abrir as fiestras do sentimento». O seu é un exercicio de autenticidade e altura inmellorable. Trinta e nove semblanzas nas que o pai é «o millor dos amigos mortos», aínda que Enrique Otero Sotelo non figure, con nome e apelidos, nunha listaxe que o autor considera «tesouro e groria». Redactado nun tempo -a década dos 40-, no que, lonxe de se afastar da tráxica realidade, D. Ramón, ben informado dos acontecementos que enloitan Galicia e o resto de España, permanece en contacto estreito -mediante propios e correo postal- co galeguismo no exilio. Proba evidente desta implicación militante, será a visita á Arxentina, en xullo de 1947, reflectida noutra grande testemuña oteriana, Por os vieiros da saudade. Lembranzas e crónica de un viaxe a Buenos Aires (1952). Escasamente lido e mal entendido -quizais pola prosa entrefebrada de erudición e metáforas- este volume, alén dos contactos políticos e persoais, ofrécenos unha interesantísima visión, social e cultural, da «inmensa cosmópole do Plata», onde alentaba, daquela, a Galicia Ideal. E tampouco pode ser tida por cadradela a publicación, 8 anos despois de comezado, do Libro dos amigos, ó coidado de Luís Seoane, polas Ediciones Galicia do Centro Gallego de Buenos Aires, en xullo de 1953. Desto, de amigos que son e que foron, precisamente en Trasalba, falabamos con Gisela Barbeito, amiga á que tanto quero.