A memoria dos avós

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

06 ago 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai anos, cando vivía en Madrid, collendo o avión para Galicia no aeroporto de Barajas ocorréuseme preguntar ao taxista polo nome dos lugares que iamos deixando atrás. O home ollou para min ao través do espello retrovisor sen entender moi ben a pregunta. Eu expliqueille, por falar, que en Galicia cada recanto da paisaxe, cada volta do camiño, cada lugariño, cada casiña ou curruncho tiñan nome, ás veces incluso máis de un, e quería saber como lle dicían á paisaxe aquela. O taxista volveu ollar polo espello e, cheo de razón, espetoume: «Aquí a todo le decimos igual, el páramo». 

Seguramente non é así, pero daquela eu lembrei cando saiamos a pasear o meu irmán e mais eu co meu avó nas tardes dos sábados e parabamos na ponte da Caeira en Pontevedra, e o vello poñíase a ollar a paisaxe e a recitar os nomes de cada lugar que daba a vista: as Correntes, o Burgo Grande, o Burgo Pequeno, as Corbaceiras, a Moureira, Alba, Monteporreiro, a Fracha alá no alto, Montecelo, as Xunqueiras, a Seca de Abaixo, O Borrón… e non paraba. No lugar onde vivo, en apenas mil metros cadrados de terra, hai seis nomes distintos de leiras e cuartillos: a microtoponimia, cuxa memoria estamos perdendo e que Filgueira Valverde chegou calcular en case tres millóns de referencias.

A densidade de entidades de poboación en Galicia dá 50 topónimos por quilómetro cadrado. Cada recanto, cada pequena ou mediana encosta, cada reviravolta ou parada teñen nome. E todas significan algo. Todas teñen memoria. O Nomenclátor do ano 2013 rexistra 41.409 nomes de lugar, que son máis da metade dos de España (61.707 topónimos en todo o Estado, segundo o INE no 2015), e bastante máis ca todo Portugal (26.797). Refírome exclusivamente a nomes de entidades de poboación. Non falamos da microtoponimia: fontes, camiños, toxeiras, anacos no monte, leiras, cortiñas, valos, portas e portelos. A paisaxe mais humanizada e traballada do mundo, segundo palabras de Otero Pedrayo. A memoria dos avós.

O seminario de Toponimia da Real Academia Galega vén traballando dende hai anos na recolleita de toda esta información que por unha banda é a memoria de nós (da nosa historia, da nosa economía tradicional, da nosa identidade colectiva) e por outra banda constitúe unha ferramenta básica para operar no país: dende a sanidade para atender a poboación dispersa á organización do territorio, atención aos incendios forestais, infraestrutura de servizos, explotación da propiedade, planificación do medio ambiente, recursos turísticos, patrimonio cultural, etcétera. E iso sen falar da toponimia do mar (talasonimia), que multiplica a terrestre. Saber de nós, en definitiva, conscientes dun patrimonio que poucos pobos teñen no mundo e que podemos estar a deixar marchar, coma quen deixa que lle pase por riba unha apisoadora.