Decepcionantes, restritivos, antisociais

Manuel Lago
Manuel Lago PORTAVOZ DE ECONOMÍA DE EN MAREA

OPINIÓN

21 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Decepcionantes, porque a Xunta renuncia a aproveitar a fase alcista do ciclo para empezar a darlles a volta aos recortes, necesario para recuperar a calidade dos servizos públicos e a protección social deteriorados pola austeridade compulsiva. O orzamento medra, pero moi pouco: a cifra é tan pequena que habería que esperar ata o 2030 para recuperar o nivel de gasto en termos reais, isto é, tendo en conta a variación dos prezos.

Restritivos, porque o orzamento medra moi por baixo do crecemento da economía: o crecemento nominal do PIB está próximo ao 5 %, pero o gasto medra o 2,9 %. Esta é unha das razóns da preocupante previsión do cadro macroeconómico: a economía galega vaise desacelerar de forma aguda, pasando do 3,2 actual a tan só o 2,5 % no 2018. Desaceleración que vén a demostrar a falta de consistencia da recuperación, que se sustenta sobre factores externos (prezo do petróleo, política monetaria expansiva do BCE...), que non foi aproveitada para corrixir os desequilibrios económicos e sociais que sufrimos.

Antisociais, porque non contempla medidas para axudar aos 201.400 desempregados, aos 700.000 que están en risco de pobreza ou exclusión social, aos 300.000 asalariados que non chegan ao salario mínimo, para o medio millón de pensionistas que cobran menos de 700 euros.

Continuístas, porque prolongan o proceso iniciado no 2010 de perda de peso do gasto público na economía: no 2009 o gasto non financeiro equivalía ao 20 % do PIB, mentres que no 2018 apenas chegará ao 15 %, unha perda equivalente a 3.000 millóns de euros, cifra que cuantifica o brutal axuste que sufriu o orzamento baixo a presidencia de Feijoo e que se traduce no deterioro na calidade dos servizos públicos.

E neoliberais, porque no 2018 a riqueza producida en Galicia xa vai estar por riba dos niveis previos da recesión, pero o orzamento da Xunta vai ser un 22 % máis baixo en termos reais que no 2009. Temos un 22 % menos de recursos para financiar servizos, prestacións públicas e inversión.