Venden patria

Luís G. Tosar
Luís G. Tosar ENTRE LIÑAS

OPINIÓN

03 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Rodolfo Prada (Os Peares, 1892-Buenos Aires, 1980), figura cimeira da diáspora, advertía -na súa derradeira entrevista, 1979- do «perigo que corre o Centro Galego». Sabía o que dicía quen fora secretario da institución -pola candidatura galeguista-republicana en 1938- nunha grave encrucillada política, quen recibira, xunto co presidente Neira Vidal, a Castelao, pasando a ser, logo, home de confianza do Guieiro. Pero Prada, que batallara América adiante polo Estatuto de Autonomía do 36, morreu dun infarto mes e pico antes do referendo do segundo, en novembro do 80. Así e todo, no inicio do noso autogoberno o Centro Galego de Buenos Aires seguiu sendo máis ca un referente, que llo pregunten a Fernández Albor. Intervida e disolta, en 1961, pola revolución cubana, a outra inmensa achega nosa ó mutualismo foi o Moi Ilustre Centro Galego da Habana, do que ninguén podía imaxinar, nos 90 e primeira década do XXI, que o emblemático edificio de Belgrano 2199, solemnemente declarado pola Xunta e o Goberno da Cidade Autónoma «esquina da galeguidade universal» chegaría a ser obxecto de consulta, non vinculante, para proceder á súa venda. É dicir, liquidación. Desde 2011 todos, os de acá e os de allá, sabiamos que era imposible manter o sanatorio, igual que ocorreu co Hospital Italiano, co español e outros. O que non se entende é que agora a actual intervención, mesmo na convocatoria ós socios, propoña un único comprador: Ribera Salud-Favaloro. Será que eses céntricos 34.000 metros cadrados, ós que cómpre engadir o patrimonio artístico e documental (a identidade galega de alí non debe saír de alí) non merecen outras posibilidades? Claro que si. O coloso mundial de arte contemporánea, Basel, acaba de abrir, na capital arxentina, a Art Basel Cities House. Será casualidade? Nada diso! Baires, que nunca deixou de ser potencia cultural, vive hoxe unha eclosión semellante ó Nova York dos setenta. Calquera que se achegue ó divino talento porteño, ó que nós nunca fomos alleos, sabe que a actual alza en investimentos inmobiliarios está centrada na adquisición de predios singulares para convertelos en macro centros culturais. Preguntábame José Luis Moure, presidente da Academia Argentina de Letras -nado no CG, coma min, coma miles de milleiros-: «Che, ¿qué pasa con los paisanos de ahora? ¿Venden patria para pagar deudas?». O mundo ó revés.