Caso Oxfam, un mes despois

OPINIÓN

15 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A traxedia do neno almeriense Gabriel ten eliminado do foco mediático o escándalo sexual que ocorreu en Haití tras do terremoto do 2010, protagonizado por membros da oenegué británica Oxfam. Quen é realmente Oxfam? Trátase dunha organización caritativa nacida en Oxford en 1942, en plena Segunda Guerra Mundial, para loitar contra a fame en Grecia (de aí o seu nome: OXford FAMine). Hoxe é unha federación internacional, formada por entidades solidarias de 20 países, que actúan en máis de 90 territorios. Naceu en Inglaterra; si, esa nación de imperialistas e colonizadores de medio mundo, impávidos nas emocións (lembremos o de «Dr. Livingstone, supoño?»), de educación impecable, que fan a cola do bus a un metro uns dos outros, aínda que chova a mares... pero túzaros no desprezo dos abusos e da falta de democracia, e solidarios á súa maneira, non tan efusiva, pero si talvez máis eficaz e comprometida. Non é casual que Amnistía Internacional fora fundada por un inglés que en 1961 enviou cartas ao Goberno portugués para protestar polo encarceramento duns estudantes.

Oxfam é hoxe unha das oenegués máis importantes do mundo con 6.000 empregados, que ingresa máis de 100 millóns de euros en España e supera os 1.000 millóns de dólares en todo o mundo. Por iso, este caso, máis alá de anoxarnos, revela fallos imperdoables. As oenegués presumimos de transparencia e somos as primeiras en esixila ao resto cando recorren ao «no coment» para tratar de que o ruído esmoreza por si so.

Os medios de comunicación teñen mirado con lupa -é o seu traballo- no mundo solidario internacional na busca de casos similares, atopando que entidades como Save the Children ou incluso a prestixiosa Cruz Vermella tiveron tamén casos reprobábeis. Non podemos confiar sempre nos códigos internos e nas boas intencións: é necesario que se establezan mecanismos para que nese totum revolutum que son as situacións de emerxencia alguén vixíe a conduta dos traballadores humanitarios. E se detectan casos graves coma este, propios de Berlusconi, hai que aplicar técnicas cirúrxicas: despedir aos culpables, e denuncialos ante os tribunais, e informar rapidamente á opinión pública. Se non, ese plus de lexitimidade que os cidadáns teñen polas oenegués, que chega ao 64 % en España, o máis alto de todas as institucións, segundo o Barómetro da Confianza Edelman 2018, caerá polo precipicio da dúbida, ese pozo do desencanto do que tan difícil é saír.