
Unha desapracible xornada de invernía, en febreiro de 1988, achegueime ao vello cemiterio de Bonaval con don Antonio Fraguas, o poeta Salvador García-Bodaño, o conselleiro Alfredo Conde, o secretario municipal Xoaquín Monteagudo e a arquiveira Esperanza Barrera. O Concello decidira transformar en parque público a antiga necrópole clausurada nos anos sesenta, e andábase a recoller os derradeiros enterramentos. Alí, entre as bocas fanadas dos nichos, estaban os sepulcros de Aurelio Aguirre e de Domingo Fontán. Mentres os demais sostiñamos os paraugas contra vento e choiva, o funcionario señor Chapela gardou en cadansúa caixa de zinc aqueles despoxos venerables.
Fontán, autor da Carta geométrica de Galicia, a primeira cartografía científica feita en España, foi un dos concesionarios da liña férrea Santiago-Carril, tamén a primeira de Galicia, que seguía precisamente o trazado que el propuxera sobre a súa Carta.
A breve vida de Aguirre, afogado no mar do Orzán, na máis conspicua tradición romántica, deu apenas tempo para un feixe de versos sensibles e unha relación literaria e disque sentimental con Rosalía de Castro.
O matemático portés e o poeta compostelán son fillos dun século civil e liberal, símbolo da convivencia. Cento cincuenta anos despois o concepto orixinal do liberalismo foi absorbido baixo o prefixo neo- nun reflexo dun capitalismo ultraconservador, favorable só a uns individuos concretos en detrimento do colectivo.
O presente produce desamparo pola presión da información abafante e a transparencia impúdica que nos expón ao grande ollo escrutador que todo o vixía. Para protexernos recorremos a múltiples estratexias. O costume de vestir traxes de época en festas de enxalzamento dun pasado por veces irreal e circunscrito ao espazo local pode ter algo que ver con iso. En Compostela reviviuse esta primavera por primeira vez, e con éxito, o banquete de Conxo, acto civil celebrado en 1856 no que os universitarios agasallaron os obreiros e que a piques estivo de levar ao desterro a Aurelio Aguirre e Eduardo Pondal. O editor Alvarellos localizou o sitio no grande espazo verde ás costas do psiquiátrico de Conxo, que o planeamento preservou evitando que se enchera de edificacións e que arestora vai recuperando o fermoso paseo ás beiras do Sar.
Os insignes restos permaneceron en custodia ata que se tomou unha decisión un tanto salomónica. En decembro de 1988, por decisión do Consello da Cultura Galega, Fontán incorporaríase aos ilustres do panteón de Bonaval, engadindo un novo perfil aos dos persoeiros alí honrados. Xa en 1991, Aguirre iría apousentarse ao pé de Valle-Inclán no cemiterio de Boisaca, onde, coas sucesivas inhumacións de Fraguas, Pérez Costanti e Díaz Pardo, se conformou unha especie de mausoleo civil.
A regulación do Panteón de Galegos Ilustres estase a demorar de máis. Cabe esperar que, coa prevista remodelación do conxunto de Bonaval, a lei do panteón de Galicia esperte do seu sono.