Baldo Pestana, peregrino das imaxes

Xerardo Estévez
Xerardo Estévez PAISAXES E PALABRAS

OPINIÓN

Carmen Rico

09 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Animo a subir á Cidade da Cultura para admirar a fotografía de Baldomero Pestana e seguir a súa peregrinación na busca da imaxe vivencial e artística.

A primeira xeografía é unha Galicia en negro, o pai negado e a nai ausente, a emigración obrigada. O meniño que chega a Bos Aires, o aprendiz de xastre que frecuenta a biblioteca pública e segue os cursos nocturnos. E de aí á fotografía e a Velia, o amor da súa vida. O peronismo producíalle urticaria e ambos emprenden a marcha.

Lima vai ser o escenario da consolidación profesional. O prestixio como reporteiro de axencia ábrelle as portas de persoas que chegarían a ser grandes figuras mundiais, que retrataba non por encargo, senón polo seu pracer. Pero non é suficiente e dá o salto a París, un imán para artistas plásticos, escritores e músicos de todo o mundo. Alí ábrese ao debuxo e a pintura, sempre perseguindo a imaxe perfecta.

Cando perde a Velia é consciente de que o seu mundo empeza a esfarelarse e sente a necesidade de pechar o círculo da súa peregrinación. Retorna a Lugo en 2008, onde atopará o achego de Carmen Rico e Antonio Polín, preto do seu Pozos natal. Con eles dedica os derradeiros anos a sistematizar o catálogo da súa obra, e non deixa de debuxar ata que falece en xullo de 2015.

Nesta mostra antolóxica do seu traballo fotográfico, que conmemora o seu centenario, o máis salientable son os retratos. Diante de cada un podémonos percatar do tempo dedicado á procura do instante, a cita, o lugar, a charla, a preparación… As actitudes diante da cámara son dispares. Uns non miran, só pousan; outros apuntan cara a un infinito próximo porque non queren que se capte o seu ollar fotografado; e algúns máis parecen interpelar a quen está en fronte, de forma penetrante.

Outro grupo de obras, algunhas das cales foron portada, capta pobreza nas rúas, as persoas acantoadas, sentadas no chan, apoiado o lombo na parede. É unha pobreza digna, non lastimosa, os rostros son serenos. Como contrafigura da pobreza urbana, as paisaxes poeirentas dos arrabaldes das grandes capitais polas que vagan grupos de rapaces.

A excelente exposición recolle outras fotos circunstanciais, inopinadas, capturadas ao instante, a muller asomada á ventá, sentada no banco, fragmentos de escenas urbanas con tintes neorrealistas, e mesmo as imaxes eróticas, nun intento permanente por apreixar as pegadas da vida e da morte, do gozo e da dor…

Era un segredo Baldo Pestana, tal como se preguntan os comisarios? Creo que non tiña vocación ningunha de enigma. Coñecémolo no 2013, cando expuxo no Museo do Pobo Galego. Tiña 96 anos, pero a cronoloxía pouco contaba naquel home vital e franco. En Bascuas congregou artistas e amigos, mozos e maiores, este home sedutor intelectual e humanamente, culto e cosmopolita, cunha curiosidade ilimitada, que sempre ofrecía unha copa de champán. Lástima que o apoio institucional á divulgación da obra dun personaxe que foi ponte entre continentes e culturas chegase cando el xa non podía seguir gozando daqueles encontros.