O ADN dos cans

OPINIÓN

31 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O artigo debería chamarse «O ADN dos cans e outras ocorrencias municipais»; porque realmente non trata do mundo da xenética canina, senón de iniciativas estrafalarias postas en marcha nalgúns concellos, tal vez aplicando a máxima de Maquiavelo de que «é moi proveitoso para un príncipe imaxinar cousas singulares para o Goberno do seu país». Así, o Barco de Valdeorras decidiu acabar cos excrementos dos cans nas rúas recorrendo á análise do ADN. Preocupados pola imaxe e consecuencias desagradables deses restos biolóxicos caninos, decidiron establecer medidas punitivas contra os donos dos cans que libremente baleiren os seus intestinos nas rúas barquenses. Xa, pero como identificar aos propietarios dos cánidos? Moi fácil! Colles unha mostra das feces, analizas o seu ADN e compáralo cunha base de datos feita coas mascotas empadroadas no concello. Claro que iso require un labor de recompilación e que todos os donos das mascotas leven mostras do ADN canino (calquera parte do corpo vale, menos mal!) ao concello para analizalas... un complexo esforzo loxístico, analítico e económico que non amedrenta ao alcalde do Barco para facer unha ordenanza que ao final non vai entrar en vigor porque unha lei aprobada polo Parlamento de Galicia só permite a identificación mediante microchip!

Outra non menos brillante proposta nace en Burela. Alí as mentes incansables que gobernan a puxante vila mariñeira idearon unha taxa para gravar as ventaíñas que as farmacias teñen para entregar as medicinas nas guardias nocturnas; falamos da xaneliña nocturna, un dispositivo obrigado por lei en todas as farmacias de España, unhas construcións metálicas tipo torno e que naquel concello consideran que usa o espazo público; asemellan así estes dispositivos cos caixeiros automáticos dos bancos; que saian destes últimos billetes e no outro caso medicinas ás catro da mañá para un paciente enfermo que vén das urxencias do centro de saúde próximo non importa. Hai quen suxire ampliar esta taxa a outros obxectivos como o mastro da bandeira do cuartel da Guarda Civil por uso do espazo aéreo burelés. Todo chegará!

A última proposta, nace en Pontevedra. Alí, o equipo capitaneado por un alcalde de longa traxectoria vai prohibir os cabaletes que diante de bares, mesóns e restaurantes publicitan o menú do día ou as tapas e racións máis habituais do establecemento, así como o seu prezo. Pero eses trebellos invaden a vía pública, segundo os ideólogos da moción, e polo tanto quedarán prohibidos. Se os propietarios dos locais -dunha vila posta curiosamente como modelo de cidade peonil- perden clientela, que poñan anuncios en internet, que é moito máis moderno. Grazas, alcaldes do Barco, Burela e Pontevedra! Grazas por ese incansable traballo por ofrecer aos conveciños e visitantes o mellor do voso maxín! Moitos intelectuais e persoeiros da historia sufriron a incomprensión dos seus contemporáneos! Giordano Bruno, Einstein ou Copérnico seguro que si que vos entenden!