Os seres humanos somos un 99,9 % idénticos no noso ADN, xa que a nosa especie leva moi pouco tempo na Terra e aínda acumulamos pouca variación. E as diferenzas que temos son, na súa grande maioría, entre individuos, e moi poucas delas entre poboacións mesmo de distintos continentes. Con todo, esas pequenas diferenzas permítennos entender as migracións, e a Xenética hoxe en día é unha ciencia cada vez de máis importancia para entender a historia da humanidade.
En termos xerais, as poboacións parecémonos ás da nosa contorna, sobre todo se non hai barreiras xeográficas polo medio. Nese sentido, nun traballo (a saír na revista Nature nunhas semanas) no que analizamos centos de miles de variacións do ADN en mostras de toda a Península, mostramos como os galegos temos unha enorme similitude cos portugueses, aínda que tamén se aprecian xa signos de diferenciación recente entre as nosas dúas poboacións, pois as fronteiras políticas acaban facendo que os pobos diverxan xeneticamente.
No mesmo traballo mostramos como Galicia ten unha enorme subestrutura, detectándose ata a niveis de 20 quilómetros de distancia. Isto quere dicir que podemos distinguir os de Muros dos de Santa Comba, dos de Carballo ou Negreira, o cal non se dá en ningún lugar do mundo salvo que haxa obstáculos xeográficos importantes. Para min non foron estes achados unha sorpresa, pois xa se ve polos apelidos de onde vimos sendo e -con permiso dos sociólogos- quixera atribuír este feito á importancia da vida familiar en Galicia e a que cada un de nós, aínda que estea lonxe, sempre queira retornar ao seu lugar de orixe.
Como tamén quero pensar que o sermos a poboación española con máis compoñente norteafricano e bérber, e das máis altas en xudeus sefardís (os historiadores darannos a clave), se deba a outro dos nosos valores como é a hospitalidade.
Hai tempo que a selección física na especie humana deixou o seu papel en aras dunha selección cultural. Os meus amigos Xosé Manuel Silva e Xavier Alcalá recordábanme hai pouco a relatividade dos valores nas culturas; mais oxalá que os que aquí temos, aprendidos dos nosos devanceiros (ademais da hospitalidade, outros coma a solidariedade, o valor do traballo, a humildade, o agarimo, a tenrura), poidan seguir transmitíndose de xeración en xeración e continuar facendo da nosa terra -como agora é- un lugar fermoso para vivir.