Ultreia et suseia

José A. Díez TRIBUNA

OPINIÓN

03 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Espazo Europeo de Educación Superior (EEES), coas súas luces e sombras, é xa o único referente para o sistema universitario galego. Un espazo que ten, entre as súas grandes virtudes, a de centrar a metodoloxía docente no alumnado, a de basearse na aprendizaxe de competencias e habilidades e a de permitir o recoñecemento mutuo dos estudos en 45 países.

O remate do período de transición ao EEES permite facer unha reflexión sobre os principais fitos no proceso de mellora continua na calidade da oferta académica dos nosos campus. Nunha primeira fase, en colaboración coas universidades, sentáronse as bases da racionalización das titulacións. Detectáronse tamén ineficiencias no sistema que foron eliminándose para consolidar títulos con maior masa crítica e demanda. Un proceso que continúa e que permitirá a entrada no sistema de 14 novos títulos de grao até 2020.

En termos estatísticos, nos graos pasamos de 168 títulos equivalentes no anterior sistema aos 123 actuais; en másteres universitarios, baixamos dos 230 no 2012 até os 180 do curso 2018/19; e, finalmente, en programas de doutoramento os 193 programas antigos transformáronse nos 130 autorizados no novo sistema.

Cifras significativas que reflicten o traballo coordinado entre Xunta e universidades; unha tarefa continua nunha paulatina, pero firme, adaptación ás demandas da sociedade galega. Nese sentido, estamos a facer unha prospección das titulacións do futuro para orientar as novas carreiras. Grazas a este traballo tamén superamos xa o pasado curso un 90 % de cobertura das prazas ofertadas en primeiro curso de grao, permitindo que sexamos unha das autonomías con maior estándar de eficiencia na oferta académica.

E tamén hai un traballo cotián, escuro, pero importante, representado polos informes de seguimento e de acreditación de cada titulación que realiza a Axencia da Calidade para o Sistema Universitario de Galicia, e que permiten introducir modificacións a cada título, tanto en metodoloxía docente como en organización estrutural; e impulsar a colaboración externa, as prácticas e a empregabilidade das ensinanzas ofertadas. Só para o presente curso presentáronse 27 solicitudes de modificacións dos títulos que se están a impartir. Como os peregrinos: Ultreia et suseia!