O 9 de Marzo o Goberno de Rajoy, ante unha proposta de En Marea no Congreso, dixo que a transferencia da AP-9 non era viable porque implicaba «compromisos de pagos que podían ascender a 8.870 millones». Sabiamos que era mentira, pero agora temos a proba da inaceptable falsidade do Goberno: unha empresa privada vai comprar o 56 % do grupo Itínere (propietario de Audasa, e polo tanto da AP-9) por 722 millóns. Un calculo fácil permite valorar o total do grupo Itínere en 1.300 millóns de euros. Se todo o grupo -que explota outras sete autopistas con máis de 650 quilómetros- vale 1.300 millóns, canto vale Audasa, que ten como propiedade exclusiva a explotación da AP-9?
É certo que a AP-9 é a máis rendible do grupo -grazas a que ten as peaxes máis caras de Europa-, pero os seus 219 km son apenas a terceira parte dos km de autopista que explota Itínere. Tendo en conta ambas as variables, o prezo de Audasa pódese estimar entre 650 e 700 millóns. Esta cifra veríase reducida de forma considerable se o comprador fose a Administración, porque o Ministerio de Fomento ten a obriga de pagar cada ano 7 millóns a Audasa para compensala pola eliminación das cabinas de peaxe no Burgo e en Rande. Nos trinta anos que restan de concesión o Estado vai ter que pagar 210 millóns, cifra que podería chegar ata 400 se prospera unha demanda de Audasa.
A transferencia da competencia á Xunta é unha demanda xusta e compartida polo conxunto da sociedade, pero, aínda exercendo a competencia con total decisión, non serviría para resolver o problema fundamental: as peaxes. Nin para baixalas e, moito menos, para eliminalas. Iso só é posible coa titularidade pública, nacionalizando Audasa para poñela ao servizo dos intereses do país e non dos fondos de investimento. Estamos no momento de facelo. Porque o Estado vén de gastar 3.500 millóns en rescatar as autopistas radiais. Porque nos próximos tres anos acaban as concesións das grandes autopistas en España, que pasarán a ser de titularidade pública, agás a AP-9, que seguirá sendo explotada por unha empresa privada ata 2048. Porque temos dereito a un trato igualitario co resto do Estado.