Saírmos das sentinas

María Xosé Porteiro
María Xosé Porteiro HABITACIÓN PROPIA

OPINIÓN

05 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Ás veces quixera ter á man algún insulto acaído co que desafogar o que me inspiran seres deplorábeis. Por exemplo, ese depósito de podremia que algún día foi policía, un tal Villarejo; ou os bestiais membros da malfadada Manada; ou quen asasinan -en calquera parte do mundo- a mulleres e ás súas criaturas por consideraren que son da súa propiedade. Pero teño un problema ético que me impide aldraxalos verbalmente no ámbito da miña intimidade -en público adoito manter as formas-, debido a que a maioría das expresións coas que se designa o pésimo refírense a algo que ten que ver connosco, as mulleres. Para dicir que o comisario Villarejo pertence a unha estirpe indigna teño que mencionar unha palabra que a calquera se lle vén á mente. Se quero significar que a súa insidiosa teima coa chantaxe lle fixo acumular información susceptíbel de afundir a varios Titanic, tan extensa e pesada que a súa lectura leva tempo e esforzo, tería que referirme ao apelativo popular que designa a miña propia xenitalidade utilizando un sufixo aumentativo. E se pretendese indicar que é un home indigno e malvado, tería que asimilalo a un cuadrúpede de sexo masculino coroado por cornos, que é a maneira en que se vén designando ao home obxecto dun adulterio. Nin fillo de tal, nin «…azo», nin macho de cabuxa en ridícula condición, son posíbeis para moitas persoas que, coma min, cremos que ese tipo de expresións consolidan a nosa condición feminina como as sentinas nas que se baleiran as inmundicias da sociedade.

E sinto noxo, porque eu, que xa teño unha idade, durante moitos anos fun a única muller xornalista nas redaccións onde traballaba rodeada de virís compañeiros -algúns marabillosos- afeitos á linguaxe tabernaria e ao uso -e mesmo abuso- de palabros feos para desafogar a ira ou para describir ou cualificar, rápida e certeiramente, as innumerábeis noticias desagradábeis coas que traballamos as xentes da comunicación. Traballo que, precisamente, consiste en contar as cousas máis terríbeis coa linguaxe máis respectuosa posíbel. Pero no noso foro interno, en petit comité, chamáselles como xa se imaxinan: o peor do peor. É dicir, como saídos do sexo das mulleres. Como a filiación de alguén de pai descoñecido e nai prostituída. Como o máis insultante dos pecados humanos: ser parella dunha muller que fai da súa capa un saio.

Védeme aquí, aducida por este conflito que non me fai máis que medrar logo de revisar a excelente investigación do meu prezado colega, Paulino Novo, titulada Os insultos en galego, e reparar que, no epílogo do Decamerón, Giovanni Boccaccio advertía que non hai cousa deshonesta que non se poida expresar con palabras honestas. E así non hai xeito, porque a deshonestidade, na nosa cultura, ten nome de muller. Logo din que iso da linguaxe sexista é un invento das feminazis. Vaites...!