Considérome amante da nosa arquitectura tradicional e penso tamén, creo que sen equivocarme moito, que o noso patrimonio arquitectónico é excepcional e incomparable. A variedade e cantidade de exemplos de formas e de estilos en casas, pazos, alpendres, hórreos, palleiras, pombais, igrexas etc. é inmensamente rica, ao tempo que, na súa esencia primixenia, fermosa e harmónica co contorno. Cada unha destas construcións dependía directamente dos seus correspondentes hábitats, podendo ser de costa, de interior, de serra, de val etc., e adaptada sempre ás diferentes faenas do campo ou do mar. Somos un país patrimonialmente moi rico, e doe observar como nós mesmos maltratamos toda esta riqueza, sendo arrepiante ver como foi a súa involución no último século, cara á decadencia e o deterioro. Que nos pasou neste período en Galicia, para converternos nós mesmos nos principais responsábeis da destrución dunha estética que levaba séculos no país e que podería, dende unha evolución razoable e con criterio, converternos nun dos lugares máis fermosos do mundo? Pois aí é onde se presenta un gran debate, con moitas respostas labirínticas cargadas de autoculpabilidade. Unha auténtica mágoa ver no que nos imos transformando; e aquí é onde eu quero facer mención a modo de homenaxe a unha das grandes profesións: os canteiros, poetas da pedra, que contribuíron con dignidade, bo facer e baixo as pautas das tradicións ancestrais e respectuosas a que este pobo chamado Galicia tivese, dende a influencia humana, unha estética única. Recuperar o perdido, que é moito, vai ser difícil, pero nunca é tarde para facer un chamamento á cordura, sobre todo para que as nosas aldeas e cidades non se convertan definitivamente nunha zaragallada lamentable.