As leis do mercado

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

21 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

En 1982 perdiamos a identidade galega de Fenosa, que pasou primeiro á Unión Eléctrica madrileña e, logo de dar voltas polos mercados, acabou sendo Naturgy, con propietarios británicos, norteamericanos, alxerinos… Co transporte pasou algo parecido. E coa autoestrada do Atlántico, hoxe maioritariamente en mans de fondos dos Estados Unidos. E a industria naval. E as caixas… Os lectores de La Voz puideron informarse o pasado día 15 do desembarco de capital estranxeiro que duns anos para acá se produciu nos sectores empresariais de Galicia, algúns de marcado carácter estratéxico. Non se trata de facer un canto ao capital autóctono porque si. Temos a casa chea de exemplos que demostran que moitas veces fai moito máis alguén de fóra con sensibilidade ca propietarios nosos con vellos complexos e pouca fe no que somos.

Mais a realidade é que de dúas décadas para acó, dende os derradeiros anos 90 do pasado século sobre todo, Galicia perdeu non só capital (que tamén), senón, sobre todo, capacidade de decisión ou, dito en termos políticos, soberanía para deseñar estratexias para un desenvolvemento propio. «Colonia da corte», dicían os da revolución de 1846. Colonia do capital que, na era da globalización, non ten fronteiras (en realidade non as tivo nunca) e o que mandan son os beneficios. Beneficios inmediatos na conta de dividendos. Velaí Alcoa, por poñer un último exemplo. Hai meses salientabamos un feito obxectivo que podemos repetir: sen recursos financeiros (o desmantelamento das caixas de aforros e a banca autóctona), sen autonomía política para tomar decisións dende nós (organizacións que non sexan meras sucursais), sen medios de comunicación que vertebren o país coma unha unidade, non coma un conxunto de feudos particulares, sen cultura de noso (centros de produción, estratexias de comunicación e distribución para fortalecer o mercado interior e potenciar o mercado exterior), sen empresas con iniciativa e recursos, dificilmente imos poder deseñar o futuro. Os últimos acontecementos veñen confirmar as dificultades.

A globalización impón as súas regras (e os seus intereses). Mais hai recursos políticos para actuar. Debería habelos. Dende a cultura os franceses inventaron a finais do pasado século a «excepción cultural», por exemplo. Os norteamericanos ben que protexen os seus recursos enerxéticos e tecnolóxicos diante de desembarcos de fóra. Descoñezo a capacidade de manobra que poden ter os nosos gobernantes de Galicia e Asturias para actuar. Pero setecentos postos de traballo, máis as repercusións en postos indirectos, é unha cifra que vai custar asimilar, catastrófica para as zonas afectadas.

Algo terá que dicir tamén a Unión Europea. Ben sei que pode parecer demagóxico, e mesmo que algún considerará anacrónico este discurso, pero os intereses do capital non sempre son os intereses do traballo, e a política non é un oficio de brazos cruzados.