Espíritos animais

Pedro Puy
Pedro Puy LIÑA ABERTA

OPINIÓN

21 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

No cerebro dos humanos e doutros animais «hai un mecanismo deseñado para dar prioridade aos eventos malos». Por este motivo, explica Daniel Kahneman, laureado co Nobel de Economía por ter contribuído á integración da investigación psicolóxica na ciencia económica, unha relación estable require que as interaccións boas superen as malas nunha proporción de, polo menos, cinco a un. O que implica, entre outras cousas, que a inclusión nun discurso de palabras como guerra, crime ou vómito capten antes e máis intensamente a atención, e se conserven na memoria máis tempo, que outras como paz, amor ou empanada.

Os vellos retóricos, xaxúns de coñecementos en psicoloxía contemporánea, eran ben conscientes diso: a magnificación dunha circunstancia lutuosa, ou a presentación dunha situación potencialmente ameazadora, xeran máis impacto no oínte que unha boa nova ou unha mensaxe pacífica e tranquilizadora. Son os espíritos animais que condicionan á racionalidade condutual dos seres humanos; espíritos dos que falaba Keynes para explicar a presenza de decisións empresariais arriscadas, das que levan «a un impulso espontáneo á acción», expresión que usa o tamén Nobel en Economía George Akerloff para titular o seu coñecido libro sobre a influencia da psicoloxía humana na economía.

Pese a iso, vaiamos coas boas novas. Todas as previsións apuntan a que a riqueza de Galicia crecerá o ano que vén un 2,5 %. O que é o mesmo: un 0,2 % máis que a media de España; un 0,4 % máis que a media das economías da OCDE; e un 0,6 % máis que a media dos países pertencentes á área Euro. Iso permitirá manter as importantes rebaixas fiscais introducidas nos últimos anos aos contribuíntes galegos (no IRPF, para o 80 % das rendas galegas, con especial incidencia nas máis baixas; practicamente á totalidade das transmisións hereditarias entre pais e fillos) e engadirlle outras novas. E, á vez que se diminúe o déficit á mínima expresión (0,1 % do PIB), incrementar simultaneamente o gasto público en preto de 400 millóns de euros (un 3,8 % máis que en 2018). Catro de cada dez euros gastados pola Xunta serano en sanidade (que segue a aumentar o seu peso no gasto autonómico); e practicamente 2,5 euros de cada dez en educación; co que, se lle engadimos os demais gastos sociais previstos, case 8 de cada 10 euros serán investidos en bens públicos de carácter social.

Ademais, os orzamentos da Xunta para 2019 xeran un aforro corrente (ingresos por tributos e transferencias correntes a favor da Xunta menos gastos correntes de funcionamento) de 918 millóns de euros; o que permitirá elevar o investimento público autonómico en capital ata os 1.652 millóns de euros. Posiblemente todas estas cifras, dados os rumbos que afastan ao ser humano do modelo de comportamento esperado nun ser racional, lle esquezan moito antes que calquera desgraciado feito ou incidente na xestión que a oposición magnifique para facerlle pensar que a actual maioría, lonxe de traballar pola mellora da sanidade, a educación, ou os servizos sociais, trata de afundilos para desprestixialos e eventualmente regalarllos a alguén. É posible que o seu espírito animal lle leve a recordar máis intensamente as malas que as boas novas. Pero, entón, lembre o que nos recomendan Kahneman, Akerloff, e outros estudosos das inclinacións do comportamento humano: a urxente necesidade de controlar eses impulsos obtendo boa información, e de contribuír a reforzar as institucións que permiten racionalizar o debate e a acción colectiva.