Cabelos longos, ideas curtas

María Xosé Porteiro
María Xosé Porteiro HABITACIÓN PROPIA

OPINIÓN

Gertrudis Gómez de Avellaneda foi unha escritora de renome internacional nas letras hispánicas, pero en 1853, en pleno apoxeo da súa sona, a Real Academia Española non a considerou merecente dunha cadeira. Era a primeira muller proposta desde a súa creación e supuxo un reto que se resolveu cunha trampa, pois «a Academia honraríase de contala entre os seus membros se non o impedise o que acaba de acordarse como medida xeral, fundada en consideracións das que non se puido prescindir, mais que de ningunha maneira aluden á referida señora, nin como dama nin como escritora». Un non, sen máis argumentos, que tamén recibiu en 1890 Emilia Pardo Bazán, que se autopropuxo con grande escándalo: «Ser académica! Para que? É coma se se empeñase en ser garda civil ou da policía secreta!», escribira Leopoldo Alas, Clarín. Os egrexios académicos consideraban incompatible ser muller, escribir e ter o recoñecemento público dos seus colegas. Foi rexeitada tres veces co mesmo artigo inventado para Avellaneda. Tamén foi rexeitada a entrada de Concepción Arenal na de Ciencias Morales e Políticas, que xa é dicir. Non fora ambición dela, pero atribúeselle o aserto de que a muller española só podía ser estanqueira, raíña ou prostituta. O machismo na RAG non lle andou á zaga. Cando Francisca Herrera Garrido, autora da primeira novela en galego, Néveda, foi proposta en 1945 como a primeira muller académica, ningún dos seus colegas quixo facerlle o discurso de resposta até cinco anos despois, na persoa de Antonio Couceiro.

Pouco mudaron as cousas porque, no total das reais academias, a porcentaxe de mulleres non chega ao 11 % a día de hoxe, incumprindo, flagrantemente, a Lei de Igualdade. Daquela, a figura da pianista coruñesa Mercedes Goicoa, primeira muller en ocupar a presidencia dunha delas, a Galega de Belas Artes, en 2004, é unha excepción e un exemplo a seguir. Os informes oficiais alertan de que non se acadará a paridade até 2036 se non se toman medidas para corrixir esta anomalía. Haberá que reclamar castigos exemplares porque, polas boas, non semella que isto teña reparación. A homenaxe que lle tributa o Consello da Cultura Galega a esta muller precursora é de xustiza e chama a atención sobre unha discriminación que ten que rematar. Entre outras razóns porque elas son a grande maioría do alumnado universitario pero absoluta minoría entre o profesorado docente ou investigador, gañando entre o 10 e o 20 % menos, ou porque de 50 universidades públicas só catro teñen reitoras. Se cadra, vén a conto lembrar que non foi até 1979 que unha muller, Carmen Conde, entrou na Real Academia Española. Sorprendida pola falla de lavabos para señoras, dixo: «Foi o engreimento varonil dos académicos o que impediu que houbese mulleres na Academia; debían pensar coma Schopenhauer, que somos animais de cabelos longos e ideas curtas!».