La memoria «è mobile qual piuma al vento»

Xerardo Estévez ARQUITECTO E EXALCALDE DE SANTIAGO

OPINIÓN

Denís E. F.

03 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Os directores dos museos e centros de arte adoitan entender que, coa proxección artística, se lles encomenda tamén a dirección arquitectónica do edificio. A adecuación entre contedor e contido é un tema complexo que está aberto en todos os museos. O habitual é que en calquera modificación por necesidade funcional se conte co arquitecto. Así como a arquitectura non pode valorarse separadamente por dentro e por fóra, con miradas independentes, o uso dun centro artístico non é privativo nin do arquitecto nin da dirección. A relación entre o edificio e a obra exposta resólvese no diálogo. Recentemente facilitei unha cita entre o director do CGAC, Santiago Olmo, e Álvaro Siza, un reencontro demasiado adiado entre o autor e a súa obra que, é de esperar, dará os seus froitos.

Aos 25 anos da inauguración do CGAC, convén lembrar os nomes de quen interviñeron naquel exercicio compartido de conxunción de arquitectura e planeamento. Despois de pasear a idea da creación do centro por varios lugares de Compostela, a localización nun lugar tan difícil, unha parcela de propiedade maioritariamente municipal, levouse ao Plan Xeral que estaba a redactar a Oficina de Planeamiento, cun protagonismo especial do recordado Juan Luis Dalda. A contratación do proxecto a Siza formalizouna o conselleiro Alfredo Conde e a partir dese momento desenvolveuse o traballo binario entre plan e proxecto. Despois de González Laxe, gaña as eleccións Manuel Fraga, que sen atender as voces que preconizaban a reconsideración do proxecto e o cambio de emprazamento, e de acordo co Concello, decidiuse pola continuidade.

Houbo outros actores significativos. Iago Seara xogou un papel singular, non sempre consecuente coa introdución da arquitectura contemporánea na cidade histórica. O proxecto de Siza para o parque, no que Isabel Aguirre foi unha estimable colaboradora, e os enriquecedores encontros con Eduardo Chillida completarían a intervención. Para concluír a retrospectiva habería que falar tamén do proxecto museolóxico e do papel do Icomos e da Real Academia de Bellas Artes de Madrid en relación coa polémica do pavillón de Kleihues. Pero, como dicía Billy Wilder, esa é outra historia.

A verdade é que, con tres décadas de anticipación, se deseñaba un eixe cultural ás portas do Camiño Francés, formado polo Museo do Pobo Galego, a igrexa e o Panteón de Galegos Ilustres e o CGAC como a fusión dunha Galicia que mira cara ao pasado e cara ao porvir, enlazada por un dos parques máis belos de Europa. O plan director do conxunto de Bonaval consagra ese foco cultural.

A memoria é móbil, como canta o duque de Mantua nunha ópera cun libreto que hoxe nos parece inadmisible. Pero unha vez revisada e actualizada, a memoria debe ser xusta, para que cando pase a formar parte da historia esta lle faga a ela a debida xustiza. Así como a historia é unha contenda fronte á mentira e á falsidade, a boa memoria impón unha loita contra a banalidade e o engrosamento da biografía, sobre todo da propia.