Quen foi Rodolfo Prada?

Luís G. Tosar
Luís G. Tosar ENTRE LIÑAS

OPINIÓN

06 nov 2018 . Actualizado a las 00:55 h.

Nun discurso en México D.F., o 15 de outubro de 1944, no cuarto aniversario do fusilamento do president Lluís Companys, Rodolfo Prada, en representación do Partido Galeguista, contou como acompañara a Castelao aquela terrible mañá na que a noticia do «crimen que sobrecogió de angustia y de indignación a todos los espíritus libres…» chegara a Bos Aires. Na homenaxe, Prada partillou palestra con Pedro Bosch Gimpera, Manuel Albar, José Andreu Abelló, Félix Gordon Ordás e outros oradores. A presenza do responsable de organización da Irmandade Galega (promovida en 1941 polo galeguismo político co ideario do PG) non era casual. Foi a súa unha traxectoria de firmeza leal e rigor organizativo. En 1902, con 10 anos, emigrou á Arxentina, logo de que un incendio arrasase a pousada que abriran seus pais nos Peares. Ao pouco de chegar a Mendoza, emprégase no Banco Anglo-Sudamericano e, no 18, trasládase á capital, onde axuda a fundar a primeira Casa de Galicia, dirixe a revista Acción Gallega e promove o Ateneo de Cultura. Simpatizante agrario, ingresa nas Irmandades da Fala. Mentor da Asociación Protectora da Academia Galega, Murguía faino correspondente en 1922. Colaborador do Correo de Galicia, xornal do que será redactor xefe e copropietario, en 1931 volve á terra nai para asistir, en Pontevedra, á fundación do PG. De regreso en Baires monta a ORGA, que despois reconverterá en Organización Nazonalista Republicana, cos mesmos 150 afiliados, dirixidos por il. Do 36 ao 39 preside o Comité de Apoyo al Frente Popular… Será coa chegada de Castelao (1940) cando intensifique aínda máis a acción. Como xerente do laboratorio do Dr. Andreu, percorre a América toda e aproveita para deixar grupos galeguistas en Uruguai, Chile, Perú, Venezuela, Cuba… Adolfo Suárez, partidario para nós dun estatuto inferior ao vasco e ao catalán, seica lle ofreceu a Bibiano Fernández Osorio-Tafall, en 1978, a presidencia preautonómica. O científico pontevedrés, ex-comisario xeral da República con Negrín, rexeitouna. Daquela, La Voz informaba de que un sector do chamado galeguismo histórico barallaba o nome de Prada para o cargo. Non creo que llo chegasen a propor; il houbese aceptado, en nome de Castelao, claro. E así, a nosa historia cambiaría de rumbo. Onte, nos Peares, 38 anos despois da súa morte, preguntaban quen fora.