Formas que falan

OPINIÓN

16 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Frecuento, non sabería dicir exacto desde cando -décadas, por suposto-, o lugar de Biduedo, concello de Cea, onde vive Acisclo Manzano. Gábase o escultor, que fai honor ao seu nome -aciscolus deriva de ascia, que en latín significa maceta ou aixola pequena-, de traballar no baixo do edificio de pedra ben labrada onde vive. Unha casa grande, de comezos do XIX destinada a curtidoiro. Destaca o balcón de poñente, rectilíneo, sobrio, ao que contribúen, coas súas fragrancias, unha mandarineira e un limoeiro, a cada lado da porta. Todo transcorre alí de xeito distinto. Nese ambiente, rodeado de volumes que aumentan e desaparecen de socato, figuras que falan baixiño entre elas, besbellando nunha linguaxe medio metálica, Acisclo transforma o barro en arte. Por alí anda, tamén, Banitán. Un espírito sensible que convive co escultor desde que este puxo pé na Cubeliña. Banitán baixa do monte Cacifo, onde se recolle a picar leña mentres medita. A súa filiación foi José Pérez Cid, solteiro e natural de Allariz. Pasou a ser Banitán cando chegou das Américas, mediados os felices anos 20 do século pasado. Trouxo, seica, un enorme baúl medio mundo que pesaba pouco e que instalou il só, con moita parsimonia, no curtidoiro de Biduedo. E alí viviu ata agosto de 1936. Exercía daquela Banatán de profeta do progreso -chegaría a predicir que os automóbiles acabarían subindo polas montañas arriba e que a luz eléctrica acabaría coa Santa Compaña-, pero na fatídica encrucillada tivo que fuxir para salvar a vida. O cura párroco tíñao por herexe e masón. Sabedor das preferencias de Acisclo Manzano na súa materia: Fidias, o mestre Mateo, Gregorio Hernández, Oteyza…, Banitán tense centrado no estudo da obra destes grandes artistas. Espelido e sensible como é, o espírito de José Pérez Cid, viaxa sen problemas e sen custos, as vantaxes de ser invisible. Por iso, cando ten ganas de leria, senta na cama de Acisclo para latricar durante horas sobre o que todos os artistas procuran con paixón desenfreada: a obra cume. Mentres non chega esa peza coa que virán a gloria e os cartos, Banitán, un tipo moi sensato, recomenda o de sempre, traballo. A inspiración, dille a Acisclo, é unha pantasmada.