Tenrura polas oito esquinas

Xerardo Estévez
Xerardo Estévez PAISAXES E PALABRAS

OPINIÓN

Denis E.F.

24 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Non se podían atopar mellores comisarios, nin espazo máis axeitado, para a exposición Con Galiza sempre no horizonte, disposta con gran profesionalidade por Xosé Ramón Fandiño e Gloria López. A tenrura pálpase polas oito esquinas das salas de Fonseca, igual que o íntimo agarimo das persoas que acompañaron a Díaz Pardo nos seus derradeiros días no IGI.

Camilo Díaz Baliño e Isaac Díaz Pardo non necesitan loanzas nin engrosamento das biografías. A cartelería, o grafismo, a escenografía do Teatro Principal, a obra pictórica, cos soberbios e dramáticos retratos dos encarcerados, a traxectoria artística e empresarial están máis que recoñecidas, son unha herdanza de Galicia, cultura de calidade e compromiso. A carón deles, tres mulleres silentes: Antonia, a nai, que morreu mentalmente o día que Camilo apareceu asasinado; Mercedes, a irmá que faleceu nova; Carmen Arias, a compañeira de vida e de traballo.

No inicio da exposición vense dúas fotos de Isaac con seu pai, cheas de amor. Nunha Camilo abraza o fillo pequeno, na outra é Isaac mozo quen colle do brazo ao pai. Protéxense un ao outro, como para non separarse. Os dous gozaron das ledicias republicanas, a cultura, a educación, a liberdade, truncadas polo golpe que creou unha xeración perdedora destinada ao sufrimento e á depresión como forma de vivir.

Ao mozo Isaac tocoulle sorrir e tragar as bágoas e a xenreira. Esa vivencia de ter que conciliar o eu íntimo co ser social pesou no seu ánimo: «Son un templagaitas», adoitaba dicir. Quizais non puido escoitarse a si mesmo nin verbalizar a angustia ao modo lacaniano, de aí que dedicase boa parte da súa vida a recuperar a memoria abandonada, como unha forma de traer á consciencia o inconsciente.

En ocasións Isaac ten referido como se sentía nalgunha medida responsable do dano que o seu esquerdismo xuvenil lle puidese ter provocado a Camilo. Aínda por riba, a sempiterna culpa; quizais nalgún intre evocaría un fantasmagórico Rosebud, nun proceso inquisitorial contra si mesmo, el, que era o antípoda do ambicioso e amoral Kane. Camilo e Isaac foron éticos e xenerosos co seu país, un perdendo a vida e outro a xuventude.

A imaxe do Isaac adulto é a do emprendedor infatigable, en contacto permanente con América, traendo e levando noticias e iniciativas. Aínda que os principais emprendementos están afastados das cidades por razóns operativas, o seu perfil é o dun urbanita, non o atoparemos nunha solaina como Pedrayo, ou enriba dun penedo como Cuevillas.

Díaz Pardo era un poeta da economía, todo un oxímoro, pero O Castro e Sargadelos merecen un digno destino. Era face e envés. En Compostela desprega a súa alma galeguista, na Coruña revélase máis o seu perfil republicano. Para min tamén o era. Lémbroo como promotor do escrito contra a moción de censura dun alcalde novo de Compostela, en 1986, e outras veces discrepando en cuestións de tradición e modernidade, pero, como algún día escribín, sempre con afecto. Co paso dos anos, non esquezo a Isaac.

A exposición pecha nuns días. Una mágoa, non hai que perdela.