Amigar as cidades galegas

Xerardo Estévez
Xerardo Estévez PAISAXES E PALABRAS

OPINIÓN

26 ene 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Necesítase tempo de silencio para elaborar un pensamento urbano aberto. Así o noso querido amigo Vicente Álvarez Areces, que acaba de irse, transformou Xixón con paixón e acerto.

Prefiro as persoas que saben pensar transcendendo posicións ideolóxicas a aqueloutras a quen uns preceptos rigorosos lles vedan pensar libremente.

As cidades son entes pensantes en evolución permanente, non son lugares para a confrontación ideolóxica. A idea política ou partidaria debe estar ao servizo da concertación dos intereses múltiples e contrapostos, na busca dunha maioría social que sustente as grandes decisións.

Sabemos desde hai anos que a xeografía urbana é un continuo que se desliza polo eixe Ferrol-Tui incluíndo as cidades do interior. Cidades totais, como me gusta chamalas, que abranguen non só as capitais, senón tamén as coroas de municipios limítrofes. Todas elas, sen excepción, empezan a acusar os efectos do declive demográfico.

Os trens rápidos, as autovías e as autoestradas valeron e valen máis para coser Galicia que para chegar todos a Madrid, tal como se porfiou en promocionar. Somos suxeitos móbiles. Os cambios de panorama alertan as nosas endorfinas porque a viaxe pasou de ser unha odisea a converterse no aire necesario para superar os límites do cotián. Para satisfacer tal paixón, as tecnoloxías da mobilidade evolucionan e van transformar o modo de usar os centros urbanos.

Mentres, os cidadáns imos dotándonos progresivamente de referencias múltiples: ferrolán ou vigués, galego, español, europeo, global, identidades non rifadas entre si, nas que cadaquén pon o acento segundo a súa opinión. Só que a nós, os autóctonos, cando volvemos ao lugar de vivir, casa ou rúa, gústanos ver as caras de xente coñecida.

Cabe facer unha reflexión necesaria: empadroados, veciños ou transeúntes? As cidades, ás veces, aseméllanse a un gran hotel que aloxa cada mañá xente de aquí e de acolá, que parte ao finalizar a xornada. Asimilalo require unha urbanidade, primeiro para interpretar as xeografías próximas, Oleiros coa Coruña, O Milladoiro con Compostela, Poio con Pontevedra, Chapela con Vigo, e á súa vez a necesidade ineludible de amigar as cidades galegas.

Urbanidade desde unha cultura e unha educación capaces de impregnar a política e a cidadanía de sabedoría arredor dos proxectos e programas, de ecuanimidade nas decisións, tecendo un ganduxo que xere maiorías que mesturen o xenoma do individuo co colectivo, e dunha mentalidade aberta cara ao outro, sen traza de xenofobia, para converter a quen chega en veciño.

Aos que nos movemos acotío polos sistemas urbanos, a golpe de tren e andando, cústanos entender que a política vaia por detrás desta realidade cambiante. Hai alcaldes, como o de Vigo, que lle achegou á cidade algo que necesitaba urxentemente: autoestima, e acertou. Creo que na lexislatura que vén debería dar un paso para propiciar a relación entre as cidades galegas.