Desgoberno político

OPINIÓN

18 feb 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai desgoberno político se desnaturalizamos a acción política, arte de nobre tradición que se pode converter en negación de si mesma se, en vez de exercitar esa arte a prol do ben común, o que facemos é, ao seu abeiro, propaganda de intereses que non son os da comunidade, afastándonos da súa verdadeira finalidade.

 Paréceme que non se pode poñer en dúbida que, neste momento e neste país, o desgoberno político é un feito que está á vista e que, polo que parece, non interesa moito. O que é moi grave se, como está sucedendo, a política, entendida como servizo ao ben común, é substituída polo que vemos cada día: aldraxe verbal, terxiversación dos feitos, alporizamento xeral... actitudes que pouco ou nada teñen que ver coa política, ollada dende o poder ou dende a oposición.

O grave é que non se fai política, entendida esta como hai que entendela, iso é, como acción ao servizo do ben común e tratando de procurar o equilibrio de intereses contrapostos. É manifesto que isto non se pode conseguir con actitudes que deixo denunciadas. Desa maneira, a política perde toda dignidade.

E non só: porque en vez de levar a carga pedagóxica que unha verdadeira política leva sempre, esas actitudes emponzoñan a sociedade, crean escepticismo ou levan aos simples, que son maioría, a crer en dogmas de fe, a remexer a súa visceralidade e a dispensar de pensar. E con ese barullo agóchase a falta de ideas e de proxecto político.

Así se explica o auxe xeral da extrema dereita en todo o mundo. E poucas dúbidas pode haber, infelizmente, de que boa parte deste desvío a teñen os políticos, os malos políticos, que renunciaron á nobre arte da política para caer nos populismos e non saber opoñerse a uns extremismos que nada teñen que ver co ben común.