Formar nada ten que ver con adoutrinar. Formación, educación ou instrución refírense ao desenvolvemento das potencialidades do ser humano, un ser humano libre. E adoutrinar ten sempre algo que ver coa propaganda, sexa da natureza que sexa, e nunca ten como finalidade o ser humano en liberdade.
A política de baixo nivel case sempre se reduce a propaganda; pero a política de longo alcance si que pode contribuír á formación do ser humano porque sempre leva unha carga de pedagoxía. É formación, instrución ou educación, chámeselle como se lle chame, instruírse nos dereitos humanos, na tolerancia, no respecto ás minorías, na igualdade de oportunidades, no amor á diversidade... todo o cal cómpre atender dende o ensino máis elemental.
Só se pode formar á xente para a democracia se a educamos neses valores, entre outros. Noutro caso estaremos facendo todo o contrario e teremos un país asilvestrado, unha democracia minguante e moitas posibilidades de chegar a autoritarismos diversos. Xestos, aldraxes e rebumbio, como se ven por ai, non é facer política. Política tan negativa, por pequena, pode garantir a continuidade no cargo, que é o que procuran os que a fan, pero o certo é que non leva a ningures. Seguro que a sociedade aceptaría unha política grande, realmente transformadora -os valores sempre o son-, pero xa se ve que ninguén está disposto nin a intentalo. E iso é o sorprendente: que ninguén ouse nin intentalo. Paréceme que a única maneira de que a xente volva a interesarse pola política é que esta verdadeiramente se interese pola xente, que ela así o perciba, e que os políticos teñan sempre presentes as infinitas posibilidades de que dispoñen para facer algo máis alá da propaganda. Polo ben do país. Non é pouca responsabilidade a súa.