De que van as cidades?

Xerardo Estévez
Xerardo Estévez PAISAXES E PALABRAS

OPINIÓN

Estación de Berlín.
Estación de Berlín. Denís E. F.

09 mar 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Os municipios teñen veciños, as outras entidades públicas teñen administrados. A diferenza é notable. Os alcaldes e concelleiros están a pé de rúa, mentres que á Xunta ou a unha deputación diríxense por instancia, para entendernos.

O parlamento da cidade non é só o salón de plenos, son tamén as rúas. No encontro casual e accesible os edís matizan as decisións. A dificultade da política municipal estriba en non perder o contexto xeral ante tantas demandas particulares e saber concertalas nun proxecto urbano. Implica a tensión de estar atento ao que pasa no contorno, desde a persoa maior que está soa e pode quedar illada ata a forma de artellar desde o respecto patrimonial o control do tráfico nos accesos á cidade histórica. Respostas áxiles e comedidas, sen propagar un populismo de sis para contentar a todos, que se esgota en pouco tempo e deixa a cidadanía sen desexo.

Un concelleiro debería saborear a evocación do pasado, administrar o presente e adiantarse un pouco para formular a transformación, coa cultura como medio para circular pola transitoriedade dos tempos. Necesita unha mirada interclasista, así, como soa, que abranga fundamentalmente o pensamento de esquerda e de centro. Ese achegamento é un lugar que hai que fabricar, porque vén ser o contraste e o compendio entre as variadas razóns que coexisten na cidade, con distinto énfase no público e no privado, na redistribución de recursos e o interese individual ou na forma de propiciar ámbitos interxeracionais, non vaia ser que cun exceso de regras botemos os mozos fóra dos centros. E sempre, polo medio, os afectos da veciñanza, coa que se comparten os sentimentos nos momentos solemnes ou dramáticos, e tamén nos persoais.

A política municipal está baseada no contraste dialogado dos desafíos fundamentais, na busca constante dunha maioría social sólida, capaz de enfrontarse a eles, aínda que o goberno teña maioría absoluta. Unha mobilidade cambiante que vai redimensionar o espazo público; o porvir dos centros que se inflan e se desinchan ao longo do día, onde se condensa o xogo das plusvalías máis potentes; unha posición aberta á procedencia de persoas de distintos países e culturas; a intelixencia para acordar a dimensión constitucional que implica un plan xeral, onde se plasma o crecemento e a protección da cidade e que debe ser pactado, cando menos na fase inicial; ou a práctica daqueloutro tipo de urbanismo que zurce, que remata, que conecta as distintas partes da cidade, que dá vida aos barrios. Retos como a relación entre cidade, universidade e empresa, ou unha nova óptica xeográfica cara ao conglomerado metropolitano para planificar a xestión dese espazo.

A política municipal sinálaa o grupo de goberno, e tamén unha oposición disposta a acordar os desafíos comúns e a contribuír ás relacións entre administracións, cousa que o electorado adoita valorar debidamente.