Simplificar a complexidade

OPINIÓN

08 abr 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe xa non estraña moito que os políticos demostren o seu escaso nivel cultural. O que debera ser motivo de escándalo e de vergonza tómase pola cousa máis natural do mundo. E seguro que as situacións de escándalo e de vergonza non as vemos reflectidas nas estatísticas que manexamos. Ou iso é o que parece.

Hoxe, a diferenza de onte, un político pode dicir unha barbaridade calquera, xa sexa histórica (a conquista e colonización de América por España, que a algún lle pareceu o feito máis grande da humanidade) ou sexa literaria (atribuír, por exemplo, unha frase a Cervantes cando resulta que foi Goethe o seu autor), por referirnos só a datos recentes, e non pasa nada máis alá dun certo rebumbio nas chamada redes sociais.

O máis curioso do caso é que os políticos, lonxe de actuaren con humildade, saen á palestra moi satisfeitos de si mesmos e dispostos a asoballar, e pensan que unha cita de autoridade confire máis forza ao seu discurso. Pero nin sequera toman a molestia de verificar o que din, e menos aínda de procurar consello. O que demostra que, sabendo da súa lixeireza, non lles importa o que coidan que pode entrar por unha orella e saír pola outra.

O que, ao meu ver, revela moi ben a triste idea que teñen da cultura, un adorno, un verniz, unha breve tona para cuberta da súa escasa bagaxe intelectual, pois, ao cabo, pensan moitos, a carreira política é a única que non precisa dunha formación ad hoc, polo que calquera pode exercela.

Pero tamén é certo que para andar polo mundo, e máis polo mundo noso, cada vez máis complexo, algunha cultura, e dunha certa solidez, fará falta. Poucas veces pensamos, ao dar o noso voto, que o damos aos que lle poñemos nas mans o noso porvir. Arrepía pensar en que mans podemos poñelo.