Unha sociedade pasiva

OPINIÓN

15 abr 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A pasividade ou indiferenza en canto á corrupción, os embustes, por máis disparatados que sexan, a degradación da política que padecemos... son síntomas de que a nosa sociedade ben puidera ser unha sociedade enferma. Porque cuestións de semellante gravidade, nun país normal, non se poderían dar nin soster. A corrupción xeneralizada que se coñece, non só económica, tiña que ter alporizado a toda a sociedade. A pasividade nunca pode ser a resposta á delincuencia institucional que supón, por exemplo, utilizar medios represivos do Estado -que están para garantir a seguridade de todos- para destruír ou desprestixiar a outras opcións políticas, nin utilizar os tribunais como mediadores e non como xulgadores, deturpando a súa función. 

Estas prácticas son a couza que rilla, calada pero eficazmente, a democracia, e que mesmo poden destruíla. Os que as idearon e executaron teñen máis que ver coa mafia que coa democracia, sen esquecer tampouco que constitúen unha moi grave falta de respecto a toda a sociedade, que non aspira, nin moito menos, ao seu embrutecemento. Unha sociedade ten que ter medios para cortar dun tallo estes graves desvíos que tanto poden afectar á xeral saúde democrática. Eses medios de certo que existen e son de todos coñecidos. Pero a impresión que un ten é máis ben a de pasividade, cando non desleixo, tanto da sociedade mesma como dos seus representantes. E que semella haber distintos tratamentos para idénticas situacións. Se así fose, claro que estariamos diante dunha sociedade enferma, entangarañada. Uns corpos tan estraños incrustados nela non pode haber a menor dúbida de que esixen a pertinente ciruxía, se de certo queremos velar pola súa saúde. E isto é o que non vemos por ningures. Infelizmente.