Ningún monumento en ningún lugar do mundo está completamente libre de ser asolado como foi esta semana Notre Dame de París. Estamos a falar dun dos principais tesouros da humanidade, dunha catedral inspiradora de infinidade de obras literarias e artísticas, de Víctor Hugo a Brassaï, sita nun dos países cunha maior conciencia patrimonial e cunhas técnicas avanzadas en canto á protección do seu patrimonio construído.
En todo caso, hai que aprender desta terrible lección e non baixar a garda na xestión do noso patrimonio construído. Galicia está en boa disposición para facelo. Desde o pasado 2016, a nosa comunidade conta cunha nova Lei de Patrimonio, que incorpora as principais medidas de carácter técnico para a salvagarda dos bens no marco legal internacional durante estas últimas décadas, e desenvolve ademais un preciso catálogo de intervencións e medidas concretas previstas para a conservación dos valores culturais de cada tipo de ben.
A maiores, desde a Consellería de Cultura e Turismo estamos a traballar para que a meirande parte dos edificios e monumentos sobranceiros conten con plans de conservación específicos, que teñen por finalidade guiar as intervencións de mantemento, conservación, consolidación e rehabilitación, entre outros aspectos. Este é un bo punto de partida para xestionar o noso patrimonio. Unha xestión que debe contar coa participación activa e comprometida dos propietarios, usuarios e responsables dos bens, mais tamén de toda a sociedade, pois o patrimonio histórico é o herdo da colectividade e é así, coa achega de todos, cadaquén desde as súas responsabilidades, como poderemos cumprir coas xeracións vindeiras.
Neste momento, o que queda é aprender da desgraciada experiencia sufrida en París e da actividade e práctica restauradora que, sen dúbida, agora van iniciar os responsables do patrimonio cultural galo e amosar a solidariedade de Galicia co pobo francés para que a reconstrución de Notre Dame restitúa e salvagarde os maiores valores culturais e patrimoniais posibles desta xoia do gótico europeo. Unha reconstrución ante a que hai que amosar esperanza polo carácter perito do pobo francés na xestión do seu patrimonio. Oxalá o legado que representa Notre Dame, froito do coñecemento construtivo de séculos ao longo e ancho de Europa, rexurda co esplendor de antano.