Política e sondaxes

OPINIÓN

22 abr 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O malo que se pode agochar nos usos das sondaxes é que uns e outros -os que as fan e os que se serven delas- pensen que son unha ciencia, cando son tan só unha técnica que non pode garantir resultados, se ben é certo que pode axudar a tomar decisións. Unha técnica que dende logo cómpre relativizar, como a realidade demostra.

Se a política se entende como axuda á supervivencia, como apoio a manterse no cargo ou a ir tirando ata onde se poida, de certo que as sondaxes converten en escravos aos que delas se serven. E non só proceden desa maneira os políticos cataventos que temos, ben coñecidos, senón tamén os que deberan ter miramentos de máis alcance. Esa técnica, como a experiencia nos ensina, ten moitas limitacións e pode levarnos a verdadeiras desfeitas -caso do brexit, entre outras-.

Unha política verdadeira non pode ter como obxectivo principal o resultado das sondaxes, senón que, para ser merecente de cualificarse como grande, debe tomar en conta necesidades do ben común que case nunca van recoller as sondaxes e que, pola súa propia natureza, esixen decisión de goberno.

Os exemplos poderían ser moitos, mais por razóns de espazo tan só sinalamos os seguintes supostos: o ensino, a economía, a política exterior, a regulación da banca, as relacións coa Unión Europea, a política de defensa, os criterios a seguir nas relacións co moderno mundo interdependente, e moitos outros.

Mala política recorrer ás sondaxes para crear tendencias ou inclinacións de voto, como é moda; mala se as tomamos como dogma e esquecemos a política transformadora que o ben común esixe en todo caso e que as sondaxes non recollen case nunca; mala política, xa non digamos, se aceptamos sondaxes que sexan contrarias ao ben común. Moi esvaradío o mundo das sondaxes.