Paréceme que se pode asegurar que a maioría do país se sentiu aliviada ao saber que as esaxeracións, o alporizamento, os berros e as aldraxes da recente campaña electoral non deron resultado, antes ben foron manifestamente impertinentes, e que o ambiente xeral semella terse normalizado, liberándonos dun pesadelo. Xa ía sendo hora.
Polo menos, sería cousa boa que houbese un certo acougo para facer política de verdade. A sociedade está desexándoo, porque desa política por facer depende todo o que verdadeiramente lle importa: pensións, desigualdade, política territorial, liberdades, dereitos ameazados, paro, pobreza, porvir dos máis novos e outras urxencias ben coñecidas. É hora de pactos, que é o que a xente quere. Non de berros, urros e ouveos, que os refuga.
¿Ten realmente Pedro Sánchez vontade política, e capacidade, para enfrontarse de verdade, con intelixencia e con sosego, co chamado problema territorial, ese que o conde Romanones, nada sospeitoso de secesionismo, entendía que só era creación da ignorancia e da ineptitude dos políticos españois, que non tiñan a menor idea, por exemplo, da complexidade da sociedade catalá?
¿Terá folgos para desenvolver unha indispensable pedagoxía política que suceda aos alporizamentos, aldraxes e esaxeracións en que ultimamente ten consistido a política española, para convencer á sociedade de que calquera cesión de soberanía que se faga ás nacionalidades históricas sempre será moito menor que as cesións feitas a Bruxelas, estas si limitadoras da chamada soberanía nacional -hoxe en crise en todo o mundo- e que non preocupan a ninguén? Difícil si, pero non imposible se de verdade se fai política. Sexamos optimistas e ilusionémonos, pero sen chegar a ilusos. Estaremos atentos.