Realidade ou cosmética

OPINIÓN

13 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Se de certo se vai poñer Pedro Sánchez a traballar no chamado problema territorial, como parece que se pode albiscar por certos movementos despois do 28 de abril, sería bo que dunha vez nos dixese se todo se vai reducir a cambios cosméticos ou se vai entrar a fondo na plurinacionalidade da que tanto fala e nada aclara. 

Penso que non atendería ao que o resultado das eleccións suxire se todo se reduce a facer cambios para que nada cambie. Pero se pensa entrar de verdade nunha solución federal do Estado, xa se pode poñer dende xa (para evitar unha verdadeira catástrofe, no sentido orixinario da palabra) a desenvolver unha pedagoxía total (sociedade, partidos afíns, cadros, activistas e demais) que propicie un necesario cambio de mentalidade.

Nunha sociedade que foi vítima dun facer político alleo á verdadeira política, realmente enganada por unha propaganda perversa e que banalizou a arte do ben gobernar e, en especial, a maneira de exercela, é obrigado dar unha visión nova da acción política e convencer á sociedade de que esa é a política que vai garantir o ben común.

As ideas federalistas máis elementais sobre soberanía compartida, respecto, e aínda amor, á diversidade, sobre o que é ou debe ser o pacto federal, e a relación de todo isto con Europa, deben chegar á sociedade nunha pedagoxía que poña en claro conceptos e finalidades. ¿Estará o novo Goberno preparado para semellante empresa?

Van ser poucas as axudas que terá e moi fortes os atrancos que a oposición lle vai poñer a esa política con todas as súas forzas e medios. Por iso sostemos que a política que parece suxerir o señor Sánchez non pode illarse da indispensable pedagoxía que unha política grande esixe. Axiña veremos que hai nela de realidade ou de cosmética.