Mestras

Oliver Laxe
Oliver Laxe TRIBUNA

OPINIÓN

27 jun 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Os artistas esperamos sempre demasiadas cousas a cambio do noso traballo, cremos que o merecemos. E pode que en parte sexa certo. Pero hai que serenarse: se un fai o correcto sempre haberá premio. E ese premio pode ter diferentes formas visibles, como un trofeo, unha medalla ou o recoñecemento colectivo; ou máis invisibles, como son a satisfacción e a tranquilidade da alma. O mundo sempre devolve o que damos, regra non escrita que tería que valer tanto para os do Galicia Cantidade coma para os do Galicia Calidade. Polo tanto, sexa por unha cuestión de puro pragmatismo ou de pura ética, ou por unha humana mestura dos dous, hai que facer as cousas sen esperar nada a cambio.

 Benedicta leva 84 anos facendo o correcto: ser ela mesma. A medalla Castelao a Benedicta Sánchez é un premio outorgado á xente que fai o correcto sen esperar nada a cambio. O grao de liberdade, soberanía e emancipación de Benedicta será o mesmo con ou sen premio, e esa é precisamente a razón pola que, creo, gañou este recoñecemento. Un recoñecemento para todas esas galegas e galegos que son eles mesmos, que non teñen complexos de seren eles mesmos, que non reivindican nada, que son libres no seu anonimato, que son libres na sombra. O máis belo do mundo é sempre o máis fráxil, e a sombra sempre protexeu o que é fráxil.

Estes tempos son escuros porque moitos de nós loitamos por estar na luz, por intentar existir, destacándonos do resto, esculpindo as nosas personalidades-máscaras ata extremos egóticos e infantilistas. Se non es alguén non es. Os dominios da sombra son hoxe menosprezados. Son os dominios do poético, do esotérico, da santidade, da Eternidade.

Benedicta Sánchez é unha muller-poema. Leva toda a vida na sombra sendo e facendo poesía tódolos días. E fomos bendicidos podendo contar con Bene no noso filme O que arde. Pero hai que insistir que ben puidera ter seguido sendo un poema sen que a maioría de todos nós nos decatásemos. E o mundo seguiría sendo igual de perfecto ou imperfecto, segundo quen mire: o mundo está ben feito nos seus paradoxos.

Pero nun destes paradoxos ou azarosos destinos tan fraxilmente ben escritos Benedicta tiña que aterrar na nosa película, e a medalla Castelao tiña que felicitar e celebrar dita aparición, honrar e reivindicar canda ela a todas aquelas e aqueles que fixeron, fan e farán poesía na sombra. A todos e todas os que serven na sombra: o nobre servizo da cardióloga Marisa Crespo Leiro, o sagrado sacrificio da olímpica Teresa Portela Rivas, o xemido activista, heroico e determinado de Jeanne Piccard ou esa eternidade de mulleres redeiras que traballaron, traballan e traballarán coa alma nas mans. A todas elas, grazas de corazón.

Grazas, Benedicta, pola túa xuventude, pola túa valentía, polo túa xenerosidade. Sempre te negaches a que che désemos a man cando subiamos as costas dos Ancares, rías cando alguén do equipo intentaba protexerte da choiva cun paraugas ou cando che quería axudar a portar as túas famosas bolsas. Non aceptaches nunca os meus cumpridos, pedías crítica e rigor, cómo poder facelo sempre mellor, cómo poder servir mellor.

Oxalá cheguemos á túa idade negando coma ti a idade. Grazas, mestra.