Pechaduras electrónicas

Xavier Alcalá
Xavier Alcalá A VOO DE TECLA

OPINIÓN

06 jul 2019 . Actualizado a las 15:13 h.

Galicia vai á cabeza das rexións europeas canto ao envellecemento da poboación, e á proporción de persoas a morar soas nas casas sen intención de se recolleren a residencias. Iso fai pensar en como están hoxe os teleservizos de apoio a ese segmento poboacional: nas vivendas instálanse sensores para trazar os movementos do habitante delas, deducir pautas e observar se hai algunha fóra do normal, alarmante, que obrigue a intervir. Ao tempo, e para emerxencias detectadas polo usuario do sistema, este dispón dun botón que dispara a comunicación co centro de axuda, en modo conversa desde calquera recanto da vivenda.

Ora, imaxine que o usuario «vixiado» precisa de que o veñan socorrer cando el non está en condicións de abrir as portas do seu portal e da súa vivenda. Actualmente, alguén que resida próximo a el debe ter chaves desas portas e ofrecerse a entregárllelas aos socorristas.

E se ese alguén está ilocalizable? Daquela, nese momento, cómpre chamar a cerralleiros -ou mesmo bombeiros- co risco de desatención -ou ata de morte- de quen precisa socorro.

Velaí o problema de base. E a solución? Instalar mecanismos de apertura con mando electrónico nas vivendas con servizo de axuda, e, nos correspondentes portais, pechaduras electrónicas a conectar no seu día á Internet das cousas por medio da rede da 5G.