O 15 de agosto marca en España para moita xente o final das vacacións, e, tamén para moita, a fin do verán. Mesmo en Madrid din que, a partir do día 15, «refresca» polas noites e empeza a sentirse o aire da serra de Guadarrama, tan sutil, iso si, que só os nativos do lugar o perciben. En Galicia o cambio é máis perceptible, e o tombaloureiro, o vento do norte, encárgase de levar calafríos ás peles aínda espidas do verán, sobre todo a partir do día 24. Xa o di o refrán: «Por San Bartolomeu, dille o inverno ao verán: aparta, que alá vou eu!».
É moi frecuente que se identifique verán e vacacións, e, tras estas, case un 50 % de persoas sofren o que se chama depresión posvacacional, unha etapa que adoita durar dúas ou tres semanas, caracterizada por apatía, decaemento, ansiedade e sensación de incapacidade para adaptarse de novo ao traballo.
Un amigo meu, xa falecido, odiaba o verán, ese mes de vacacións esperado durante todo o ano, no que, segundo el, nunca se cumprían as expectativas que, con todo, repetíanse ano tras ano. Non era optimista.
Rosalía de Castro prefería o inverno ás calores estivais: «Meses do inverno fríos / que eu amo a todo amar; / meses dos fartos ríos / i o doce amor do lar…». O resto do poema non o transcribo porque non é precisamente optimista.
Eu deixarei Galicia o día 17. Vou cara á calor, cara ao sol e aos amenceres temperáns… Pero a miña alma galega sente que o inverno lle di: alá vou eu!