
Mentres os políticos seguen encerellados nas súas loitas partidistas, decenas de pobos dunha España interior e rural baléiranse e mórrense por falta das máis elementais condicións de vida. Como os 127 pobos de Segovia sen auga potable. A da billa ten nitratos e non é apta para o consumo. Ou como Santa Coloma de Queralt, o municipio máis grande da comarca natural da Baixa Segarra, (Tarragona), que leva dez anos sen auga potable por falta dun transvasamento que nunca se concreta. Ou Fuentes de Ágreda, un pobo que non ten auga nas casas. Para conseguila teñen que conectar mangueiras nas bocas de rega. Para evacuar, fan pozos cegos. Ou Fuente de Piedra, onde non hai auga porque un uso descontrolado esgotou os acuíferos da zona. Hai municipios de 2.000 habitantes que presentan consumos de 600 litros por habitante e día (piscinas, rega de xardíns, etcétera), cando en Sevilla ou Málaga non pasan de 180 litros ao día .
Miles de cidadáns secundaron as concentracións convocadas o venres 4 de outubro pola Coordinadora da España Baleirada para pedir un pacto de Estado contra o despoboamento. A plataforma Soria xa convocou ademais un paro de cinco minutos que foi seguido maioritariamente en toda a provincia.
Non podo evitar o recordo de Antonio Machado que viviu nesas terras de Soria «donde parece que las rocas sueñan», que as amou e as inmortalizo nun poema que finaliza con estas fermosas palabras: «¡Gentes del alto llano numantino / que a Dios guardáis como cristianas viejas, /que el sol de España os llene/ de alegría, de luz y de riqueza!».
Oxalá as súas palabras non sexan un soño máis.