O38 presidente dos EE.UU., Gerald Ford, era un home bo e honrado. Por iso os republicanos llo impuxeron a Nixon como vicepresidente para sustituir ao titular elexido, Spiro Agnew, quen tivo que dimitir por evadir impostos. Ao pouco tempo, a renuncia de Nixon convertíuno no único presidente non votado da historia americana. Todos os que o trataron (como o seu rival, Jimmy Carter) e os historiadores en xeral coinciden en cualificalo como un presidente digno que contribuíu a restaurar o prestixio da maxistratura presidencial tras o escándalo Watergate; pese a que colleu o país en plena crise do petroleo e a que tivo que administrar a primeira derrota militar dos EE.UU no Vietnam. Sen embargo, Ford é lembrado pola súa torpeza. Nunha viaxe institucional a Suiza, esvarou na escaleira do Airforce One e se esnafrou diante de todo o mundo. O vello raposo de Lyndon Johnson axiña pronunciou a frase pola que se recorda a Ford: «Non pode camiñar e mascar chicle á vez»; unha frase que chega ata nós censurada pola pacata prensa da época, xa que o que Johnson dixera é que Ford non podía camiñar e á vez deixar saír unha ventosidade polo seu recto. En calquera caso, a caída na escaleira de Ford simbolizou a inestabilidade institucional da superpotencia americana.
Porque, efectivamente, sen institucións estables todo o demáis tende a crebar. En España levamos desde o 2015 vivindo na inestabilidade política: catro eleccións xerais en catro anos, e catro procesos electorais no último ano, dan boa conta delo. O entramado institucional de 1978 ten superado desde entón e moi en especial nos últimos tempos, importantes esvaróns: a crise económica que non se víu vir e os seus efectos sobre a igualdade; a corrupción que afectou a todos os partidos que asumiron cotas de poder institucional (PNV incluído); unha moción de censura pouco construtiva e a ulterior incapacidade de darlle estabilidade ao Goberno da nación pese a darse distintas posibilidades de coalición; ou o relevo na xefatura do Estado. E o desafío secesionista catalán, coa decisión do Senado de aplicar por vez primeira o artigo155 da Constitución a petición do Goberno de Mariano Rajoy e a posterior actuación do Constitucional e do poder xudicial.
Non semella que o país poda afrontar axeitadamente a desaceleración económica, ou a situación en Cataluña, se a inestabilidade política permanece. De momento e afortunadamente, a inestabilidade política non se ten traducido en institucional. Pero de seguir así podería chegar a poñela en risco. O cansancio pola sucesión de procesos electorais; o uso partidista de pagos regrados, como os previstos para as autonomías; ou a incapacidade de garantir a orde pública e o exercizo das liberdades constitucionais en Cataluña, dan ás aos que aproveitan a inestable febleza do goberno para impulsar a creba do sistema constitucional.
As eleccións do 10 de novembro son unha oportunidade para recuperar a estabilidade política; a mesma estabilidade que, como en Galicia, permite xerar certidumes orzamentarias alí onde o Goberno de Sánchez introduce incertezas, e á vez reforzar a estabilidade das institucións autonómicas. Unha oportunidade para que os que esvararon á hora de formar goberno e tropezaron na inestabilidade política sexan substituídos polos que xa demostraron, como en Galicia, que é posible gobernar e á vez garantir a estabilidade institucional. Sen esvarar.