Calidade e lingua anterior

OPINIÓN

20 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Nun corredor do CHUO (Complexo Hospitalario Universitario de Ourense) —engalanado con cadros de Xaime Quessada e Xaime Quesada Blanco—, unha parella nova, Iván e Lucía, pasean o seu fillo, Brais, mentres lle aprenden os nomes dos dedos da mau. Fano con agarimo e como llelo ensinaron a iles: o moumiño; o mediano, seu sobriño; o maior de todos; o furabolos e o matapiollos. Nun cuarto do mesmo andar agoniza Dosinda, bisavoa do neno. Con ela morrerán, abofé, ducias de palabras non recolleitas nos dicionarios, boa parte do xeito e sofico da sintaxe e maila alma de todo idioma, a fonética, tan maltreita e ferida, a nosa, mesmo polos sons roufeños que emiten certas cadeiras académicas. Sirva este apunte sociolingüístico para refrescarlles a memoria a algún pontífice do debate aberto co gallo das respectables recomendaciós do Comité de Ministros do Consello de Europa. O cerne da cuestión, fundamental para a nosa identidade como pobo, consiste en traballar a cotío, non en pór o berro no ceo cando se albiscan no horizonte comicios autonómicos. Desde a aprobación por unanimidade política da Lei de Normalización Lingüística (1983), enfiamos unha carreira de fondo, perigosamente atacada, hogano, pola ruindade tóxica da ultradereita unitaria, aínda non emerxente onda nós. Enténdase ben, eivas e baldaduras, no tocante a normalización e pulo da lingua propia, ningunha, oportunismos e acenos teatrais, escúsanse. Claro que debemos partillar responsabilidades, pero que cada quen responda das súas. Vir coa ladaíña de que a nosa fala é cousa das galegas e os galegos para logo acusalos de nugalla social —téñennos chamado de todo ó longo da historia, endexamais nugallaos— resulta alomenos contraditorio. Quedan fóra, ó meu ver, dous piares: a necesidade de lle acudir axiña á calidade do galego —o nivel de desleixo e deturpación é máis ca preocupante, tamén nos textos literarios, nada que ver con normativas ortográficas— e os moitos falantes que devecen pola patria anterior. Termo acuñado polo grande poeta arxentino de estirpe galega José González Carbalho. Refírome á recuperación da lingua dos devanceiros nas nosas colectividades emigradas de Iberoamérica. Excelencia e afectos, para que?