Os intereses da Galiza, presentes

Néstor Rego
Néstor Rego EN LIÑA

OPINIÓN

Eduardo Parra - Europa Press

07 ene 2020 . Actualizado a las 15:57 h.

Sempre dixemos que o BNG quería estar no Congreso para defender os intereses da Galiza, dos máis inmediatos aos estratéxicos; da solución da crise industrial, por exemplo, á defensa do dereito de autodeterminación e da soberanía para que o noso país teña plena capacidade para decidir sobre os seus asuntos en función das propias necesidades. E estamos a cumprir a palabra dada e os compromisos adquiridos co pobo galego. De facto, xa se falou en Madrid máis dos problemas da Galiza nestas seis semanas que nos catro anos anteriores. Non chega, claro; o que precisamos son solucións, mais é un primeiro paso.

Neste momento, no contexto do proceso de investidura, corresponde colocar sobre a mesa a axenda galega, que implica a solución a algúns dos principais problemas sociais e económicos que temos formulados, entre outros: acabar coa estafa das peaxes da AP-9; garantir a continuidade dos postos de traballo na industria electrointensiva; asegurar unha transición enerxética xusta para as comarcas das Pontes e Cerceda; terminar cos abusos da facenda española aos nosos emigrantes retornados; recuperar os 200 millóns de euros que o Estado adebeda á Galiza en financiamento da lei de dependencia; avanzar na loita contra a violencia de xénero, tamén con novos xulgados específicos; rexenerar as nosas rías; modernizar a rede ferroviaria interior, ou baixar o prezo da luz nun país que é produtor excedentario de enerxía eléctrica.

Entendemos que é unha exixencia básica, ademais, avanzar no recoñecemento do carácter plurinacional do Estado e da Galiza como nación, na normalización da nosa lingua na administración estatal e da xustiza e, como mínimo, na disposición a transferir todas as competencias previstas ou reclamadas polo Parlamento da Galiza.

Mais tamén a axenda galega é unha axenda social e democrática, que incorpora necesariamente cuestións vitais para recuperar dereitos, como a derrogación da reforma laboral, da negociación colectiva e das pensións; da LOMCE, ou da lei da mordaza e do decreto de censura dixital.

O BNG enfrontou este proceso de investidura cunha aberta disposición ao diálogo, mais ao mesmo tempo tamén con firmeza na defensa dos intereses da Galiza. O noso país leva demasiado tempo vendo marxinación, esquecemento e incumprimentos por parte dos gobernos españois. É por iso que esiximos claridade e concreción, nas medidas e nos prazos, ao Partido Socialista. Se Pedro Sánchez quere o apoio do BNG ten que comprometerse de maneira efectiva coa Galiza, coa solución dos problemas que enfrontamos, co obxectivo de mellorar a calidade de vida e o benestar de todos os galegos e galegas.

Nesta altura aínda non sabemos se o acordo, que depende da vontade real do PSOE, se vai concretar neste momento. En calquera caso, o BNG vai manter con preseveranza e determinación a defensa da axenda galega no Congreso. Se non for posíbel agora -e sería bon que si-, haberá outras oportunidades de facelo. A próxima estación será a dos Orzamentos Xerais do Estado.