Vanse facer en España cen anos das telecomunicacións como disciplina académica e cómpre observar o ocorrido desde entón cun medio que mudaría o mundo: a radiodifusión sonora, iniciada en Buenos Aires e Detroit en 1920.
Ao comezar, contaba con poucos elementos de contribución á produción e só daba un produto: voz e música emitidas no momento. Mais axiña as redaccións das emisoras de radio imitaban aos xornais, co teléfono e o teletipo a serviren noticia e comentario fresco; e introducían o relato telefónico de correspondentes e oíntes para competiren como medio quente. Despois habían vir as radioligazóns e as gravacións de son in situ. A aparición da telefonía celular supuxo un enorme salto na contribución de mensaxes á radio.
A vulgarización das comunicacións móbiles e dos dispositivos intelixentes foise producindo en paralelo co desenvolvemento da arañeira universal de servidores baseada na Internet. Apoiada nelas, a radio converteuse en parte dun sistema multimediático: fíxose doado conectar estudios de radio con información de calquera orixe, escoitar -¡e ver!- a radio na web en tempo real ou en diferido. Ultimamente xogan coas redes sociais como fonte e destino de información á vez, grazas ao cal a centenaria raíña das ondas ten boa saúde; e aínda vai recibir a xelea real da 5G.