Vive!

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

13 feb 2020 . Actualizado a las 12:12 h.

A sentenza de Lampedusa, sabia: É preciso que algo cambie para que todo siga igual. Ou a canción que xa non sabemos cantar: Escucha, hermano, la canción de la alegría. Fáltanos tantas veces que vagamos perdidos no medio da noite, tan de día. Digo isto porque hoxe arranca o entroido de maneira máis oficiosa que oficial: porque todo o oficial será vulnerado a partir deste xoves de compadres. As máscaras percorren as rúas crendo que son personaxes dun teatro inacabado. Eva namórase dun Adán perdido vaso a vaso, viño de Monterrei, con sabor a melancolía. Os ollos crúzanse como dardos que cravan a súa pica de seda entre os dedos. Carnaval. Eu instalei nel a memoria máis fermosa. E sigo morando nas canellas de fariña e cigarróns que a miña tribo, este Verín lindo, debuxou no fondo da miña alma. Carnaval. Lánzate a el como se fose unha mazá madura plena de trigo e bolboretas. Vive. Vivir é un corte de mangas aos tempos que nos tocan. Un non nos moverán. Un déixame vivir e vive ti como vivir queiras. Colócalle á túa sombra unha máscara de pallaso. Baila con ela no medio do frío. Con el no medio dunha constelación, felicísima, que só vós sabedes mirar. E brinda coa lúa por un futuro grato, verde como as uñas deste país que é o noso, tan noso, país das marabillas. O entroido rima en sol maior co triángulo máxico do mundo, Laza-Xinzo-Verín, pero tamén casa con todos os cuartos da alegría: Galicia en flor. Galicia bonita e rebelde e plural e orgullosa. Despois nada cambiará. O rico, e o pobre, e o cura, os de aquí e os de acolá, regresarán á estación do seu presente. Pero a ti non han de roubarche a memoria. Ese lugar onde habita, digo, a felicidade. Vive o entroido, Galicia.