
O director da OMS, coa súa probada ponderación, ante o tamaño das barbaridades proferidas por algúns mandatarios esixe que non se politice o virus. Daríalle volta á proposición: que se faga política para saír en común de semellante catarse. Sen lugar a dúbidas, a política é o instrumento idóneo. Dá confianza ver os presidentes autonómicos conectados en liña co presidente do Goberno, nunha incipiente práctica federal.
Opoñerse, coa pobreza do argumentario que se vén exhibindo nas comparecencias parlamentarias, é un luxo que non nos podemos permitir. A contabilidade dos mortos, a falta de equipos, parece ser o único motivo de enfrontamento, cando tería que ser máis ben o contrario: que se pode facer conxuntamente para resolvelo. Os sanitarios necesitan máxima eficacia na dotación dos equipamentos de protección, e os enfermos e as familias dos falecidos necesitan ser confortados. Nesta situación, caben dúas preguntas: faríao mellor a oposición, sexa cal for? Que propón a mesma oposición para mellorar a acción de goberno?
O mellor experto hoxe é un bo político que se enfronte á resolución dos problemas, que aprenda dunha vez por todas a anticiparse, atendendo aos expertos, que, por veces, predican no deserto. Políticos con discurso e aptitudes comunicativas, concisos, e que tamén transmitan afecto. Gobernantes capaces de achegar un primeiro documento, aberto, que posibilite un Goberno en común transitorio da esquerda e o centro, non necesariamente de concentración, para desenvolver uns acordos de continxencia, cunha atención especial a empresarios, traballadores, persoas vulnerables e excluídas. E, como non, que esbocen os grandes trazos dunha gobernanza global, hoxe insuficiente, e unha nova formulación para Europa recuperando o sentido político e cultural da Unión.
O difícil é enfrontarse con esta crise insondable combinando a democracia plena, porque o modelo chinés non é un modelo, é unha ditadura, coa potenciación do estado do benestar, algo no que os Estados Unidos tampouco son un modelo.
O PP español terá que centrarse, á galega. A socialdemocracia ten unha oportunidade única de reflexión arredor do papel do público e o privado, a desigualdade, sexa económica ou territorial, entre o norte e o sur. O populismo debe deixar de arengar e sermonar, agora que proba o rigor da toma de decisións. Ciudadanos, aínda que tarde, dá síntomas de querer actuar como centro. O independentismo terá que adiar as súas ínfulas e colaborar. Os ultras fan ben en poñerse á marxe.
Namentres, a cadea humana, sanitaria, alimentaria, de mobilidade, corpos e forzas de seguridade, os españois, en suma, merecen dez puntos, agás os detritos que disque circulan polas redes e os weekenders que escapan para o seu goce egoísta.